O 8M de Bueu céntrase na educación "como piar básico" e rende homenaxe a Toñi Vicente

Bueu
01 de marzo 2024

Os actos iniciaranse o 7 de marzo cunha homenaxe a Toñi Vicente ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A continuación, e no marco das II Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu, presentarase no segundo piso da praza de abastos o libro A miña cociña, da mesma Toñi Vicente

Concentración do 8M en Bueu | ARQUIVO
Concentración do 8M en Bueu | ARQUIVO /

A cociñeira Toñi Vicente e a Asociación de Mulleres Rurais de Bueu recibirán senllas homenaxes este ano con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, en Bueu.

Así figura na programación que o Concello de Bueu que presentou este venres a concelleira de igualdade e benestar social,  Laura Ogando. A responsable municipal insistiu en que "debemos seguir poñendo de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e centrándonos na educación como o piar básico".

Os actos iniciaranse o 7 de marzo cunha homenaxe a Toñi Vicente ás 18.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. A continuación, e no marco das II Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu, presentarase no segundo piso da praza de abastos o libro A miña cociña, da mesma Toñi Vicente. 

O 8 de marzo celebrarase ás 12 horas unha concentración na Praza do Concello na que o alumnado do IES Johan Carballeira dará lectura á declaración a favor dos dereitos laborais das traballadoras.

A partir das 12.30 horas, o salón de plenos acollerá unha charla na que integrantes da Asociación Mulleres Rurais contarán a súa experiencia nun colectivo que cumpre trinta anos de vida, e que o consistorio aproveitará tamén para renderlle unha homenaxe.

Durante todo o día, o centro de saúde de Bueu acollerá unha mesa violeta con información e resposta de dúbidas, a Asociación Galaicas organiza o III Paseo da Muller e, baixo o lema 'Diferentes, pero iguais', programaranse actividades como un Circuíto de dous quilómetros en forma de 8M que sairá dende o Centro Social do Mar.

Ademais, haberá sesións de zumba ás 19.30 e 20.45 horas, e ás 20.30 h sairá a II Milla da Muller, cun percorrido que partirá do Centro Social do Mar e irá ata a punta do peirao con volta ao inicio. 

A partir das 21.30 horas, coa colaboración do Cineclub, proxectarase a película A Número Un, que se poderá ver de balde  no Centro Social do Mar. Dirixido por Tonie Marshall, o filme conta a historia de Emmanuelle Blachey, unha brillante enxeñeira. A través desta historia reflexiónase sobre o teito de cristal ou as desigualdades entre homes e mulleres no mundo empresarial.

A concellaría de igualdade está a organizar dende o 19 de febreiro obradoiros de publicidade non sexista nos centros educativos, púxose en marcha un taller de lectura arredor do libro Póker de D(r)amas, no que se recompilan os relatos gañadores dos Premios Matilde Bares, e na Perfumería Castro presentarán o 4, 6 e 8 de marzo diversos talleres de autocoidado.

O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 7 ao 10 de marzo as 'II Xornadas gastronómicas en feminino Bueu' para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Un total de quince locais crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría.

Arquivado en