Varios obradoiros relacionados cos estereotipos de xénero, coa igualdade no traballo e coas tarefas do fogar, que terán como protagonistas ao alumnado de educación infantil e primaria, será a principal acción que incluirá a programación do 8M, Día da Muller, na Lama.
En todos os talleres manterase unha liña de traballo con visión de xénero, profundando no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
Esta programación, coordinada polo Centro de Información á Muller (CIM), incluirá ás 11:00 horas a lectura dun manifesto no salón de plenos, á que está prevista que acuda o alcalde, David Carrera, membros da corporación e persoal municipal.
Aproveitando esta xornada, terá lugar o reparto entre a veciñanza, por parte do alumnado do CEIP da Lama, duns chaveiros alusivos á conmemoración do Día Internacional da Muller confeccionados polos propios nenos e nenas.
A Lama conta cunha subvención da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero de case 2.000 euros para a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e a erradicación dos estereotipos machistas.