O Concello de Pontevedra fai público os datos dunha enquisa realizada durante o mes de outubro relacionada coa mobilidade cara aos centros educativos situados no centro da cidade. A principal conclusión é que, dez anos despois da posta en marcha dos Camiños Escolares, o costume de ir ao cole a pé non só está consolidada, senón que segue crecendo.
O 73% dos escolares enquisados completa o itinerario a pé, mentres que os restantes o fan en transporte escolar ou en vehículo privado. Con todo, puntualiza o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que a maior parte destes casos están concentrados no centro de monte Porreiro, o único que conta con autobuses; e no Vidal Portela, porque moitos dos matriculados proceden de distritos afastados do colexio.
Se se compara coa última enquisa deste tipo realizada, que tivo lugar no ano 2013, dous anos despois da implantación do programa de Camiños Escolares, os resultados son máis que satisfactorios. Naquela época, o 67% do alumnado destes centros acudía a pé a clase, agora é o 73%.
Ademais, tamén crece ata o 27% o número de alumnos que completan o percorrido sós ou con compañeiros de clase, mentres que o 46% faino acompañado polos seus proxenitores ou titores. Cabe lembrar que o obxectivo último desta campaña é que os menores poidan ir sós aos seus colexios sen medo a que sufran ningún contratempo porque a cidade, a través do seu modelo urbano, é a encargada de coidalos, explica o edil.
A enquisa realizada polo departamento da Policía Municipal reflicte tamén que o índice de escolares que acoden sós aos seus centros aumenta a medida que se fan maiores, mentres que os máis pequenos seguen acudindo acompañados. A pesar dos bos datos, desde o Concello aspiran a mellorar aínda máis as cifras.
A realización deste estudo está enmarcado na redacción dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) por requirimento da Unión Europea, que esixe aos concellos dispoñer deste deocumento para optar a fondos EDUSI ou Next Generation.
Aínda que Pontevedra xa logrou a maior parte dos obxectivos marcados, o Concello debe aprobar este plan antes do 2023. Gómez confía en poder telo aprobado a principios do 2022 e para iso xa contrataron a asistencia técnica, por 17.000 euros, que guia aos técnicos do departamento de Enxeñería e Policía Local que se están encargando da súa elaboración.
Entre as metas esixidas pola Unión Europea e que Pontevedra xa ten conseguidas, figura a redución de accidentes de tráfico, a redución de emisión de gases de efecto invernadoiro, a redución do uso do vehículo privado, a implantación de aparcamentos disuasorios, o aumento da mobilidade peonil e ciclista ou o fomento do transporte público, a única tarefa pendente que ten por agora o Concello.
A pesar de ir moi por diante dos requisitos comunitarios, o goberno local aproveitará a redacción do PMUS para realizar un diagnóstico do estado actual da mobilidade sostible, plantexar obxectivos máis ambiciosos, deseñar proxectos para alcanzalos e definir indicadores para descubrir os resultados.
REDUTORES DE VELOCIDADE EN MONTE PORREIRO
O concelleiro de Mobilidade e Obras Públicas, Demetrio Gómez, mantivo recentemente unha reunión con integrantes da plataforma veciñal Monte Porreiro quere avanzar, quen lle transmitiu algunhas demandas do barrio que o edil ve "razoables" e que se executarán de forma inmediata.
A máis urxente é a implantación de redutores de velocidade na rúa Portugal, na contorna do miradoiro, despois de detectar a circulación de coches a alta velocidade e recibir denuncias por parte dos residentes da organización de carreiras de coches na zona.
Nun principio, o Concello prevé instalar catro lombos na contorna desta rúa.
Así mesmo, procederase ao pintado dun novo paso de peóns na rúa Bélxica e á revisión e desprazamento dalgúns outros ao longo do barrio.