Os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) correspondentes ao ano 2022, sinalan que practicamente a metade dos habitantes no municipio de Poio son menores de 44 anos. En concreto, a porcentaxe é do 49,1%, sendo a máis alta de toda a comarca dentro desta franxa.
A día 31 de decembro do 2022 Poio contaba con máis de 8.500 habitantes por debaixo dos 45 anos. Os tramos cun maior número de integrantes son os correspondentes aos 40 e 44 (1.546), seguidos polos de entre 35 e 39 (1.066) e as crianzas de entre 10 e 14 (973). Tamén se quedan moi preto do milleiro os mozos de entre 15 e 19 anos (925).
Poio é o concello de toda a comarca de Pontevedra e de parte doutras comarcas próximas que máis preto queda do 50% neste índice, seguido por Barro (48,2%) e a capital de provincia (46,6%). Xa máis lonxe sitúanse outras localidades veciñas coma Meaño e Sanxenxo.
O alcalde, Luciano Sobral, considera estes datos moi positivos, dado que "veñen a confirmar que Poio segue a ser unha vila cunha boa calidade de vida e con servizos garantidos e unha dinamización económica e social en crecemento, polo que as familias e as que as novas xeracións poden establecerse aquí de xeito definitivo".
O rexedor incide tamén no importante de manterse nestas porcentaxes nun contexto no que a situación demográfica experimentou un descenso en toda Galicia. No caso de Poio, nos últimos anos séguense a rexistrar máis de 100 nacementos de media.
"Existe unha estabilidade que non é doada atopar noutros concellos na actualidade", apunta o alcalde Sobral.
O alcalde amósase satisfeito por estes datos, nun momento no que Poio está consolidado como un dos concellos das Rías Baixas nos que o aumento de poboación está a ser unha constante no que vai de século. A última actualización de datos por parte do INE cifra en preto de 17.300 o número de persoas empadroadas no municipio, marcando así un novo teito histórico.
"Desde que superamos a barreira dos 17.000 habitantes no ano 2018 o aumento foi periódico, o que se amosa que esta é unha vila atractiva e con gran potencial", conclúe o alcalde.