Cales son as propostas dos partidos que se presentan ás próximas eleccións municipais do 26 de maio en Pontevedra en materia de diversidade funcional? Que iniciativas incluirán nos seus programas e cales son as necesidades reais das persoas con algunha discapacidade na cidade? A esas preguntas responderon este xoves candidatos dos cinco partidos que teñen na actualidade representación no Concello de Pontevedra, Marea, PSOE, BNG, PP e Cidadáns, con motivo dun debate organizado por Amencer Aspace.
Rafa Domínguez (PP), Goyo Revenga (Cidadáns), Carmen Fouces (BNG), César Maquieira (Marea) e Tino Fernández (PSOE) participaron no III Ciclo de 'Conversas sen límites' e conversaron con integrantes da propia organización convocante, Amencer Aspace, e doutros colectivos como Afapo, Xoga ou Xuntos.
Os candidatos tiveron oportunidade de achegarse un pouco máis á realidade das persoas con diversidade funcional en Pontevedra, coñecer as súas necesidades e demandas e exporlle as súas propostas electorais en relación ás distintas demandas expostas. Toda a sesión contou con intérpretes de lingua de signos.
Tino Fernández, número uno da candidatura do PSOE, explicou que o seu obxectivo fundamental é "colaborar cos colectivos, escoitalos, estar pendentes" das súas necesidades, seguindo un camiño que considera que na cidade de Pontevedra xa comezou hai tempo, en anteriores mandatos municipais.
A súa proposta ten diversos eixos. Un é económico-social e pasa por mellorar os convenios e as axudas que o Concello concede aos distintos colectivos e creación dun servizo de respiro familiar para as familias con persoas dependentes. Outro baséase nun transporte público "axeitado e eficaz" e en mellorar a accesibilidade nun sentido amplo, tanto nas rúas como nas zonas de lecer infantil. A terceira liña de traballo céntrase na creación dunha residencia permanente para persoas que teñan dificultades para ser coidadas.
Rafa Domínguez, cabeza de cartel do PP, mostrouse "absolutamente a favor de las medidas de integración" e revelou que unha das súas propostas será incrementar o orzamento destinado aos servizos sociais, pois "no puede ser que tengamos un premio corazón de piedra en el que tenemos uno de los presupuestos más bajos para servicios sociales de todos los ayuntamientos de España". A súa proposta é, polo menos, duplicalo.
Ademais, propoñen incrementar as axudas para adaptar servizos e sistemas públicos e mellorar servizos como o parque de Barcelos, con randeeiras adaptables. O seu punto de partido, segundo anunciou, será xerar recursos e, sobre todo, destinar recursos ás persoas que máis o necesitan.
O número uno da candidatura de Cidadáns, Goyo Revenga, resumiu que o obxectivo do seu programa electoral é "una inclusión efectiva y una inclusión real" de todas as persoas con discapacidade na vida da cidade e do municipio e, para conseguilo, formulan propostas que van desde unha reestruturación dos servizos sociais, "dándole la importancia que tiene, que hasta ahora creemos que está desatendida", e crear unha oficina municipal da vida dependente.
O seu partido aposta tamén pola accesibilidade universal, para poñer en valor a lei de accesibilidade universal; por impulsar o programa 'Quen coida ao coidador?' centrado nas persoas que coidan a quen teñen diversidade funcional; e por outras iniciativas como máis parques adaptados para nenos con discapacidade, tanto cognitiva como motora.
Carmen Fouces, integrante da candidatura do BNG e ex concelleira de Servizos Sociais, lembrou que o goberno nacionalista leva moito tempo traballando "como prioridade" que toda a poboación con diversidade funcional forme parte da cidade "desde un punto de vista normalizado", isto é, "que sexan cidadáns de primeira como podemos ser calquera outra persoa que non temos esa diversidade".
Respecto diso, reivindicou que Pontevedra ten na actualidade "estándares moi por encima da media" do resto de cidades de Galicia e de España en xeral e que adoitan poñer a disposición dos colectivos de persoas con discapacidade a cesión de espazos, terreos ou lugares nos que traballar. O seu goberno, sostén "está moi presidido pola atención e pola prioridade de todas as persoas con diversidade funcional e con outras diversidades".
Por parte de Marea Pontevedra a palabra tomouna César Maquieira, coñecido activista prol mobilidade integrado na candidatura para o 26M. Previamente, Luís Rei, número uno da candidatura, destacara que para o seu partido a atención á diversidade funcional foi "un eixo fundamental do traballo destes catro anos".
Ademais, deron a coñecer que tamén será un dos seus puntos de atención fundamental a promover no próximo mandato, para lograr un Concello "a prol da extensión dos dereitos de todos a todos os cidadáns, homes e mulleres, independentemente dá súa condición".