O 25N celébrase en Moraña concienciando á cidadanía sobre o seu "papel fundamental" para unha sociedade libre de violencia

Umia
18 de novembro 2022

Un dos actos máis agardados será a acción simbólica de plantar unha oliveira, como símbolo da árbore da igualdade. Esta árbore terá un dobre simbolismo. Por un lado, homenaxear ás mulleres e ás e aos menores asasinados este ano. Por outro, continuar o fío da árbore da igualdade plantada no ano 2018 nos xardíns do colexio

Campaña do 25N no CIM de Moraña
Campaña do 25N no CIM de Moraña / Concello de Moraña

O 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, conmemorarase este ano en Moraña con actividades tanto na rúa como nas redes sociais e nos centros educativos coas que se buscará que a poboación do concello "tome consciencia do seu papel fundamental para acadar unha sociedade igualitaria e libre de violencia de xénero".

Baixo o lema 'Libres como o vento', entre o 21 e o 25 de novembro realizarán unha campaña divulgativa en redes sociais. 

No caso dos centros educativos, durante esta semana, no CPI plurilingüe Santa Lucía están traballando na prevención da violencia de xénero a través do traballo con cancións e películas

Tamén van facer un mural con bolboretas. O alumnado elabora bolboretas e escribe frases pola igualdade e contra a violencia de xénero. As elaboracións van poñerse en común o propio día 25 de novembro para crear todas xuntas un mural colectivo con forma de muller.

O propio día 25 novembro, ás 10.30 horas haberá una acto conmemorativo na Casa da Cultura A.D. Rodríguez Castelao no que se procederá á lectura dun pequeno manifesto contra a violencia de xénero.

Un dos actos máis agardados da xornada será a acción simbólica de plantar unha oliveira, como símbolo da árbore da igualdade. Esta árbore terá un dobre simbolismo. Por un lado, homenaxear ás mulleres e ás e aos menores asasinados este ano. Por outro, continuar o fío da árbore da igualdade plantada no ano 2018 nos xardíns do colexio.

A árbore da igualdade que antes só estaba no colexio sitúase tamén noutro espazo do concello como símbolo da necesidade de coidado e vitalidade tanto dos cambios que deben operarse na poboación, como do crecemento da convivencia en igualdade.

Durante a xornada do 25 de novembro, entre as 11.00 e as 14.00 horas, haberá na carballeira de Santa Lucía un Punto Violeta, un espazo informativo co obxectivo de sensibilizar e visibilizar a violencia de xénero.

Neste Punto Violeta haberá lazos contra a violencia de xénero, vanse repartir materiais informativos e tamén se presentará o mural 'Libre coma o vento', a cargo de Xosé Loureiro Barcala, educador familiar do Concello.

Arquivado en