O 20 de marzo ENCE pecha o prazo para pedir axudas sociais

Pontevedra
10 de marzo 2017

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas que presenten proxectos a desenvolver en Pontevedra, Marín ou Poio. "Excepcionalmente, poderán apoiarse proxectos noutras zonas sempre que se correspondan con lugares nos que resulta relevante a actividade de Ence"

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O prazo aberto para a presentación de solicitudes da primeira convocatoria de axudas do Plan Social de Ence en Pontevedra encara a súa recta final.

Nun comunicado a empresa informa que o período para a recepción de proxectos, "que van chegando a bo ritmo", rematará o próximo 20 de marzo.

A compañía anima aos veciños de Pontevedra a presentar os seus proxectos ao Plan Social de Ence, que contempla destinar ata 3 millóns de euros a diferentes programas de apoio á educación e cultura (250.000 euros), de impulso ao emprendemento e a economía (800.000 euros) á recuperación e coidado do entorno (250.000 euros), ao impulso ao emprego especializado (200.000 euros), para o apoio ao deporte de base (800.000 euros), á loita contra a exclusión social (500.000 euros), tamén axudas veciñais diversas (150.000 euros) e finalmente, ao que a compañía pasteira denomina "administración, xestión e comunicación" (50.000  euros).

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas que presenten proxectos a desenvolver en Pontevedra, Marín ou Poio. "Excepcionalmente, poderán apoiarse proxectos noutras zonas sempre que se correspondan con lugares nos que resulta relevante a actividade de Ence".