Membros da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o grupo de goberno do Concello de Ponte Caldelas presentaron unha nova edición do Corcerto Benéfico Quilo Solidario que terá lugar o vindeiro venres 13 de novembro, a partir das 20:30 horas, no pavillón municipal de deportes de Ponte Caldelas.
O obxectivo será manter os 4.000 quilos de alimentos non perecedeiros que se recollen durante a celebración do festival e nos Supermercados Froiz ubicados na zona e que serán repartidos entre familias con dificultades económicas do municipio a través de Cáritas de Ponte Caldelas e A Insua e os Servizos Sociais do Concello.
Pola súa banda, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, salientou o feito de que este concerto volva a celebrarse no municipio e agradeceu a iniciativa solidaria posta en marcha polos Coribantes de Buchabade.
Tamén anunciou que o grupo de goberno decidiu que o Concello de Ponte Caldelas, a través dos Servizos Sociais, entregue no Nadal ás familias con especiais dificultades económicas do municipio unha serie de cheques solidarios de 100 euros para que poidan mercar roupa, calzado e alimentos frescos, cousas que non son obxecto das axudas dos bancos de alimentos ou recadados a través de actuacións tan loables como esta e que tamén son moi necesarios.