As declaracións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e do portavoz do goberno local, Raimundo González, foron replicadas polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112). Afirman que se contactou en varias ocasións cos responsables do parque de bombeiros de Pontevedra durante a xornada do domingo.
O responsable da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, que se atopaba na contorna de Vigo desde primeiras horas da mañá, asegura que estableceu un primeiro contacto a través do 112. Pediu aos responsables do parque que se dirixisen cara a Vigo, á zona limítrofe con Mos.
Desde o parque de Pontevedra comunicóuselle que xase atopaban trasladándose cara ao sur da provincia. A dotación, segundo o 112, foi redirixida despois cara a Zamáns (Vigo) e, por último, cara a Chandebrito (Nigrán), onde se atopaban os dous peores incendios desta xornada.
Segundo expoñen, o 112 mantivo outras dúas conversacións co parque de Pontevedra, a última delas solicitando axuda para actuar en dúas casas que se atopaban ardendo en Ponte Caldelas. Desde o parque municipal alegaron que carecían de medios e que non podían desprazarse ata o concello veciño.