A actividade extractiva nos bancos de Os Lombos do Ulla, Bohído e Cabío retomarase a partir do 1 de outubro co compromiso de avaliar a situación aos 15 días do seu comezo, segundo as capturas rexistradas.
A decisión tomouse este mércores nunha xuntanza na que participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e representantes das confrarías da ría de Arousa.
O obxectivo desta xuntanza era analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, nos bancos de libre marisqueo.
Así a administración autonómica e o sector valoraron a situación que presentan na actualidade e decidiron a data máis axeitada para retomar a actividade extractiva.
Na xuntanza, enmarcada no modelo de cogobernanza coa que a Xunta aborda a xestión pesqueira en Galicia, ademais de representantes de confrarías da Ría tamén participaron as direccións territoriais de Pontevedra e Coruña da Consellería do Mar, membros de Gardacostas, o técnico do CIMA responsable dos traballos de mostraxe así como o presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas.
Durante a reunión púxose en valor a mellora do stock de ameixa babosa de talla comercial en Bohído respecto ás mesmas datas do 2023 e aínda que Os Lombos non presenta uns resultados óptimos, tomouse a iniciativa de incluír a súa apertura para velar polo equilibrio económico e social desta actividade pesqueira.
Os topes establecidos por tripulante e día nas distintas especies son, no caso de Bohído de 2 quilos de berberecho, 3 quilos de ameixa babosa así como de carneiro, 1 quilo de ameixa rubia ao igual que de ameixa bicuda e 0,5 quilos de ameixa fina. En Cabío son cifras idénticas salvo no caso da ameixa babosa que é de 2 quilos, na ameixa rubia que alcanza os 4 quilos, 5 quilos de carneiro e inclúe a extracción de reloxo ata un tope de 25 quilos diarios.
Por último nos Lombos poderase extraer 3 kg de berberecho, 4 quilos de ameixa xapónica e 0,5 quilos de ameixa fina diarios.