Nuria Iglesias Álvarez ven de ser nomeada directora do fistrito danitario do Salnés, cargo que dá continuidade á xestión efectuada por María Encarnación Lucas Bermejo nesta responsabilidade dentro do organigrama directivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A nova directora ocupaba dende maio de 2022 a Subdirección de Prestación Farmacéutica da área sanitaria, en dependencia da Dirección Asistencial.
O xoves pasado xa foi presentada no Hospital Público do Salnés nun acto interno ante responsables dos distintos servizos, evento que estivo presidido polo xerente, José Flores Arias.
Nuria Iglesias Álvarez, nacida en Ourense, é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela -promoción 1985-1990- e conta coa especialización de Farmacia Hospitalaria, título que obtivo en 1996 tras realizar a residencia no Hospital Central de Asturias. A súa experiencia laboral comezou como farmacéutica especialista de área no Hospital Álvarez Buylla de Mieres do Servizo de Saúde do Principado de Asturias.
De volta en Galicia, na Área Sanitaria de Vigo, Nuria Iglesias foi farmacéutica de Atención Primaria no centro de saúde de Coia durante entre os anos 1999 e 2019, logo do cal pasou a coordinar durante tres anos a Farmacia de Atención Primaria desa área de saúde, posto no que comezou a xestionar equipos.
A súa traxectoria profesional estivo orientada nunha labor asistencial e xestora nos distintos niveis -hospitalario, de Atención Primaria e socio sanitario- sempre co paciente coma centro da súa labor, desenvolvendo programas de continuidade asistencial e coordinación entre niveis.
Segundo sinala Nuria Iglesias, "para min é unha honra e un privilexio asumir o cargo de directora do Distrito de O Salnés xunto co resto do equipo. O noso obxectivo é traballar cos profesionais e pacientes para seguir construíndo un futuro onde cada doente reciba a mellor atención sanitaria posible e cada profesional síntase recoñecido e valorado".
O amplo currículo formativo da nova directora do distrito sanitario de O Salnés lle permitiu adquirir unha alta capacitación profesional e continúa a ampliala na actualidade, xa que está a cursar un Máster de Dirección e Xestión en Innovación Sanitaria do Instituto de Investigación Sanitaria de Valdecilla (IDIVAL) e a Universidade Nebrija.