Nuria Abal Muñiz, Premio 8 de Marzo de UGT

Pontevedra
02 de marzo 2020

O sindicato UGT Pontevedra-Arousa-Deza galardoa co Premio 8 de Marzo a Nuria Abal Muñiz "unha muller nova, valente e loitadora", que dende a súa representación no Comité de Empresa "reivindica a igualdade real como chanzo imprescindible para construír unha sociedade mellor para todas e todos, para os que están e para os que veñen detrás", sinala nun comunicado este sindicato

Manifestacións dos sindicatos polo Primeiro de Maio
Manifestacións dos sindicatos polo Primeiro de Maio / Diego Torrado

O sindicato UGT Pontevedra-Arousa-Deza galardoa co Premio 8 de Marzo a Nuria Abal Muñiz, "unha muller nova, valente e loitadora", que dende a súa representación nun comité de empresa "reivindica a igualdade real como chanzo imprescindible para construír unha sociedade mellor para todas e todos, para os que están e para os que veñen detrás", sinala nun comunicado este sindicato.

Dende a UGT afirman que Nuria Abal é unha premiada "que amosa que os sindicatos teñen camiño por diante e que sen mulleres non hai futuro… nin presente".

A entrega do premio terá lugar na sede de UGT Pontevedra; o vindeiro venres 6 de marzo, ás 11 da mañá. A súa candidatura foi proposta pola Federación de Servizos Públicos do sindicato e aprobada pola executiva comarcal.

Nuria Abal é traballadora do sector da limpeza, de 33 anos e con dúas fillas pequenas. Entrou no mundo laboral hai 12 anos e dende hai case unha década é afiliada a UGT.

Foi secretaria do comité de empresa no período 2016-2020 e nel era a única muller entre nove persoas, o que lle permite afirmar que "as mulleres temos que facer un esforzo máis grande para que nos tomen en serio". Ademais considera que "aínda queda moito que loitar contra a percepción, máis estendida do que se pensa, de que as mulleres son máis débiles e manipulables".

Outra batalla que hai que enfrontar, sinala Nuria Abal, é a da conciliación xa que "hoxe en día conciliar conxúgase en feminino, unha realidade que retrae a moitas mulleres á hora de implicarse en loitas sociais ou laborais". 

"A batalla, apúntanos, comeza na casa, educando ás fillas e fillos como iguais, cos mesmos deberes e dereitos". Recoñece que a situación vai mudando porén "dun xeito lento de máis e non sempre coa complicidade dos que terían que ser compañeiros de viaxe".