O presidente do PPdeG acudiu ao encontro coa Xunta directiva provincial acompañado por Alfonso Rueda, coordinador da campaña que o levou a obter 41 parlamentarios e consolidar a súa maioría absoluta, polo presidente provincial Rafael Louzán e pola coordinadora da campaña en Pontevedra, Begoña Estévez.
Chegaba con notable atraso á sala de reunións da sede na rúa Raíña Vitoria na que estaban a agardar con xesto relaxado alcaldes, concelleiros e distintos representantes do Partido Popular provincial. Entre eles, o alcalde de Cerdedo. José Balseiros recibía palmadas no ombro e comentarios relacionados co diñeiro roubado a este Concello a través dun virus informático. Algún chanceaba: "200 mil euros!!! Caramba, estabades ricos!".
Os 259 mil galegos que non teñen traballo son a nosa prioridade
A atención centrouse nas palabras de Núñez Feijóo cando comezou a agradecer dende a tribuna a todos polo traballo desempeñado durante estes últimos catro anos. Non obstante, tamén recordou que é necesario interpretar o sentido do voto. Nese sentido dixo que: "temos que seguir gobernando e priorizando. Os 259 mil galegos que non teñen traballo son a nosa prioridade. Hai que priorizar neles."
E alertou que "temos que interpretar por que 170 mil persoas non foron votar e por que houbo 70 mil votos nulos. Temos que conciliar a política cos cidadáns". Desta forma, anunciou que durante a próxima lexislatura tratará de chegar a acordos cos partidos da oposición porque "son tempos de concertación e non de confrontación."
Antes da intervención de Núñez Feijóo, Rafael Louzán tivera palabras de recordo cara á figura de Manuel Fraga, palabras que se fundiron cun sonoro aplauso. Tras agradecer o traballo feito a todos os que "se implicaron nesta campaña", o líder provincial concluíu a súa intervención incidindo en que estas eleccións demostraron que "Galicia quere que ás políticas de rigor e seriedade que permitiron que hoxe esteamos en mellor posición que outras comunidades para abordar a crise teñan continuidade e se abra ou camiño para ou crecemento e ou emprego", por eso "agora toca traballar con máis forza, con humildade e con proximidade ao cidadán. Para que Galicia estea sempre primeiro".
Núñez Feijóo e Louzán coincidiron en sinalar que "a unidade do partido e a credibilidade" foron a causa do éxito nestas eleccións.