A pesar da complexa tramitación administrativa, a Xunta de Galicia mantén as súas previsións para o Gran Montecelo. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou este xoves que a intención é que as obras de ampliación do hospital pontevedrés comecen a mediados de 2020.
A reunión semanal do goberno galego permitiu nesta ocasión que se aprobara o inicio do proceso de contratación destas obras de ampliación e reforma que, na súa primeira fase, supoñen un investimento de 115 millóns de euros.
Núñez Feijóo explicou que esta primeira fase consistirá na construción dun novo edificio hospitalario, dotado cunha superficie de case 75.000 metros cadrados distribuídos en dez andares e composto por un primeiro volume, destinado a servizos ambulatorios, que actuará como zócalo dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.
Unha vez construído o novo inmoble, executarase a segunda fase coa reforma do edificio hospitalario actual, na que se prevé investir preto de 25 millóns de euros.
O futuro Montecelo, detallou o presidente galego, contará con espazos máis acolledores en áreas máis sensibles, como a diálise, o hospital de día de oncoloxía, coidados paliativos ou a zona materno-infantil, preto do 60% dos cuartos serán individuais, aumentará nun 92% o número de salas e postos de urxencias e terá un 49% máis de postos no hospital de día.
Ademais, a carteira de especialidades da área sanitaria crecerá coa incorporación, entre outros, dos novos servizos de radioterapia e UCI pediátrica.
O titular do executivo autonómico asegurou que a Xunta aprobou xa o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do complexo hospitalario e está a culminar as expropiacións, que supoñen un investimento adicional de 3,8 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.
Con esta reforma e ampliación, o hospital de Pontevedra prestará servizo a unhas 300.000 persoas dos 26 concellos da área sanitaria, que contarán cun hospital adaptado para os próximos cincuenta anos.