Núñez Feijóo felicita ao alcalde de Pontevedra polo Premio Dubai outorgado polo modelo de cidade

Pontevedra
13 de febreiro 2015

O presidente da Xunta enviou unha carta a Fernández Lores na que lle di que "é un orgullo que as nosas vilas e cidades vexan recoñecido o esforzo de todos os seus veciños por facer delas uns mellores lugares nos que vivir" en resposta a outra do alcalde pontevedrés na que o invitaba á cerimonia de entrega do galardón

Alberto Núñez Feijóo e Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita ao CGTD
Alberto Núñez Feijóo e Miguel Anxo Fernández Lores, nunha visita ao CGTD / Mónica Patxot

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, remitiu unha carta ao alcalde de Pontevedra na que expresa a súa felicitación polo Premio Dubai que recibirá a cidade o próximo 24 de febreiro con motivo do modelo de mobilidade urbana establecido no centro urbano.

"Quixera expresarte a miña felicitación polo Premio Dubai outorgado á cidade de Pontevedra", indica Núñez Feijóo, para continuar expresando que "como presidente da Xunta de Galicia é un orgullo que as nosas vilas e cidades vexan recoñecido o esforzo de todos os seus veciños por facer delas uns mellores lugares nos que vivir".

Desta forma, o máximo responsable da Xunta respondía a unha misiva de Miguel Anxo Fernández Lores na que se lle invitaba a asistir á cerimonia de entrega do galardón que se realizará en Dubai. Núñez Feijóo escúsase alegando que inicia unha viaxe por diferentes países de América co fin de avanzar na estratexia de apertura de novos mercados para a economía galega. O presidente, aínda que regresa o día 19, cinco antes da entrega do Premio a Pontevedra, sinala que non poderá acudir ao acto.

NOVOS CONVITES

O alcalde de Pontevedra tamén foi invitado ao Foro Iberoamericano de Cidades que se desenvolve durante os días 11, 12 e 13 de marzo de 2015 na cidade de Veracruz (México). O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, sinalou que se trata dun evento de gran transcendencia e que, se a axenda municipal llo permite, Fernández Lores acudiría para ofrecer unha conferencia sobre exemplos internacionais de planificación do espazo público.

Pontevedra tamén foi invitada para participar en Málaga noutro acto que se celebrará no mes de abril sobre modelos de cidade.

Ademais, César Mosquera destacou, tras a viaxe a Madrid para entrevistarse coa directora xeral da DGT e a Barcelona para participar nunha conferencia con Iberoamérica, que aUniversidade Autónoma de Barcelona (UAB) asinará un convenio co Concello de Pontevedra para continuar a súa investigación sobre biodiversidade urbana, mobilidade e ordenación urbana tomando a cidade pontevedresa como base para comprobar as consecuencias das medidas deste modelo urbano dende diferentes puntos de vista.