O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e o presidente local, Jacobo Moreira, xunto a outros candidatos populares presentaron as principais propostas do programa de Alberto Núñez Feijóo para as próximas eleccións autonómicas.
Rueda avanzou que o candidato popular a renovar o seu cargo na presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e seguramente tamén o presidente do goberno en funcións, Mariano Rajoy visitarán a cidade en varias ocasións ao longo da campaña.
Neste sentido, avanzou que Núñez Feijóo presentará o vindeiro mércores 7 en Pontevedra as principais iniciativas para a comarca. Ademais, Alfonso Rueda tamén anunciou que tentarán que outros líderes políticos do Partido Popular se acheguen pola cidade do Lérez como é o caso de Pablo Casado, vicesecretario de Comunicación do PP.
Núñez Feijóo e Mariano Rajoy daranse cita na praza de Touros este sábado 10 nun mitinno que esperan volver encher o coso de San Roque como nas dúas citas electorais anteriores.
Rueda e Jacobo Moreira sinalaron este luns que o Partido Popular centrarase nos próximos anos, se renovan a súa presenza á fronte da Xunta, en investimentos de contido social e tamén en proxectos de infraestruturas. Destacaron como grandes proxectos para Pontevedra a creación do novo Hospital de Pontevedra coa remodelación de Montecelo e a ampliación da ponte de Rande, que beneficiará aos cidadáns da capital.