Alberto Núñez Feijóo cualifica como un "xogo ridículo, sectario e revanchista" a declaración de "persoa non grata" do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, durante o pleno municipal de Pontevedra do luns 22.
O presidente da Xunta de Galicia admitiu, na entrevista concedida a El Cascabel en 13tv onde un día antes Rajoy manifestara o seu malestar pola decisión plenaria, que chamara ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, antes da sesión plenaria para facerlle ver que carecía de sentido que fixese caso aos grupos minoritarios da corporación, o Partido Socialista e Marea Pontevedra.
Núñez Feijóo indicou que a causa desta decisión plenaria atópase no conflito con Ence e reiterou que en relación á fábrica só caben dúas posibilidades "ou pechar e mandar a todo o mundo ao paro ou ampliar a prórroga onde está a papaleira que é un espazo marítimo terrestre".
O presidente da Xunta de Galicia se refiriró durante toda a entrevista a Ence como unha "papeleira". Con todo, a factoría de Ence na capital das Rías Baixas produce pasta de papel libre de cloro e enerxía a partir da biomasa xerada nos montes da contorna, segundo indica a empresa na súa web, pero non é unha "papeleira".
Precisamente, o comité de empresa da fábrica en Pontevedra reclamaba hai quince anos que a empresa completase o ciclo produtivo da celulosa en Ence para garantir o futuro laboral e que as repercusións económicas da elaboración de papel tivesen consecuencias directas en Galicia. Con todo, este proxecto nunca chegou a consolidarse e Ence continúa sendo unha empresa de elaboración de pasta de papel que exporta este produto.
O presidente autonómico recalcou a importancia que ten manter postos de traballo na cidade con máis paro de Galicia. E por iso indicou que a decisión do PSOE e de Marea Pontevedra co apoio do BNG podería extrepolarse aos diferentes pactos que podería levar a cabo Pedro Sánchez nun posible acordo con Podemos e os nacionalistas para o goberno do Estado.
Núñez Feijóo tamén indicou que este "tipo de vilezas non ten nada que ver con Pontevedra nin con Galicia".