Núñez Feijóo confírmalle a Lores a licitación "inmediata" do Gran Montecelo por 130 millóns de euros

Pontevedra
10 de novembro 2020

Os problemas administrativos que lastraban a ampliación do hospital de Pontevedra era unha das principais preocupacións que Miguel Anxo Fernández Lores levaba a este encontro, o primeiro entre ambos tras a reelección de Núñez Feijóo nas pasadas eleccións de xullo

Encontro do presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra / Xunta de Galicia

Ata os 130 millóns de euros, quince máis dos previstos inicialmente, irase o custo do Gran Montecelo, cuxa licitación será "inmediata". Así o confirmou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión que mantivo co alcalde de Pontevedra.

Os problemas administrativos que lastraban a ampliación do hospital de Pontevedra era unha das principais preocupacións que Miguel Anxo Fernández Lores levaba a este encontro, o primeiro entre ambos tras a reelección de Núñez Feijóo nas pasadas eleccións de xullo.

A licitación do hospital será, garantiu o presidente galego, este mesmo mes de novembro, tras o cal o inicio das obras "será rápido" ao ter expropiados xa os terreos necesarios para ampliar o centro hospitalario cun novo edificio.

Iso si, a Xunta revisará o proxecto despois de que o alcalde mostrase a súa preocupación ao considerar que os terreos dispoñibles non son suficientes para executar os novos viais de acceso que se comprometeron a realizar o Concello e a Deputación de Pontevedra.

A este respecto, o alcalde lembroulle a necesidade de incluír tamén no plan sectorial os terreos rústicos perimetrais compatibles con estacionamento en superficie.

 

Fernández Lores, que asegurou saír "moderadamente satisfeito" do encontro co presidente da Xunta, reclamou tamén nesta reunión que se retome o proxecto da variante de Alba, paralizado desde hai tempo.

O Concello pediu ao executivo autonómico deixar en dous os catro carrís previstos e reducir a afección sobre o territorio, ante o cal Núñez Feijóo comprometeuse a planificar a busca "do mellor trazado".

No caso de que "por motivos técnicos", a Xunta de Galicia non se puidera facer cargo da obra, o Concello se ofreceu a asinar un convenio "e facemos nós a vía", engadiu o alcalde de Pontevedra,

Ademais, o titular do goberno galego adiantou que a dragaxe do río Lérez, para o que se reservaron uns 3 millóns de euros, estará licitado a finais de 2021 ou principios de 2022, sumándose ás obras previstas para construír o novo emisario submarino da ría.

A nova residencia de maiores que financiará a Fundación Amancio Ortega ou a estación intermodal, que segundo Núñez Feijóo, estará terminada "no primeiro semestre" de 2021 foron outros dos temas abordados polos dirixentes nesta reunión.

En materia de transporte, Lores e Feijóo tamén pactaron que o transporte metropolitano teña carácter de urbano ao seu paso por Pontevedra, establecendo paradas determinadas. Para iso, a Xunta chegará a un acordo para contribuír ao pago do déficit das liñas que cheguen ou saian de Pontevedra cara outras localidades; e asinará un convenio para financiar dúas liñas puramente urbanas. En total, arredor de 270.000 euros. 

O alcalde de Pontevedra tamén repasou, na súa intervención ante os medios, outros temas abordados na reunión como a "renaturalización" do paseo peonil do Gafos, a construción do novo pavillón da Parda ou o tratamento da TVG en Pontevedra "do que nos queixamos un pouco", recoñeceu o rexedor, "e que agardamos que cambie".

A desafectación da Xunqueira de Alba tamén formou parte dos asuntos da reunión, que durou arredor de dúas horas. Lores manifestoulle o interese do goberno local de crear un gran parque periurbano, para o que sería necesario dispor, entre outros terreos, dos que a Xunta ten na zona. O presidente da Xunta comprometeuse a estudalo, decisión que pasará por buscar unha alternativa ás instalacións que agora teñen no lugar.