A mediados de 2021 comezará as obras de ampliación do Hospital de Montecelo. Esa é a previsión que manexa a Xunta de Galicia, segundo asegurou este xoves o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que confía en que a obra estea executada "en tres anos e medio".
Así o sinalou tras a reunión do Consello da Xunta no que se autorizou a licitación do Gran Montecelo por uns 130 millóns de euros, quince máis dos previstos inicialmente, e que se construirá en dúas fases.
A ampliación do complexo hospitalario pontevedrés comezará coa construción dun novo edificio hospitalario, anexo ao actual, que terá dez plantas e 91.600 metros cadrados. Estará composto por un primeiro volume, destinado a servizos ambulatorios, que actuará como "zócalo" dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.
Nel centralizarase a atención de Urxencias, as camas de UCI, as hospitalizacións con ingreso e as especialidades de maior complexidade, segundo lembrou Núñez Feijóo. Estará unido ao hospital actual.
A segunda fase, unha vez completado o novo inmoble, será a remodelación integral dos edificios preexistentes. Esta actuación suporá un investimento adicional de 25 millóns de euros. Tamén se habilitará un aparcamento cuberto.
Nas instalacións reformadas concentrarase a atención ambulatoria, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, hospital de día e consultas.
Para conectar todos os edificios do hospital, deseñouse unha malla estrutural atravesada pola rúa hospitalaria, que se concibe como espazo de acollida e acceso do hospital e que dispoñerá dun aparcamento en superficie en continuidade coa rúa.
Ademais, construirase un novo edificio de centrais que reúna e ille os usos industriais do hospital.
O Gran Montecelo, destacou o presidente galego, permitirá que o hospital de Pontevedra aumente de 600 a 720 as súas camas, das cales preto dun 60% estarán en cuartos individuales.
Ademais, haberá un 92% máis de salas de exploración e urxencias e tamén haberá un 49% máis de postos no hospital de día, entre outros equipamentos como unha sala de xogos, unha biblioteca ou unha sala de proxeccións para a área de pediatría.
Entre os novos servizos que terá o hospital pontevedrés está a UCI pediátrica, unha unidade de traballo de parto e recuperación para o bloque obstétrico, unha nova área de medicina nuclear, unidades de endoscopia multidisciplinar ou unha área de diagnóstico biolóxico e a unidade de radioterapia.