Un año máis, nesta ocasión un pouco máis tarde do habitual por razóns organizativas, o Parque de Verán da Caeira acolleu o acto de homenaxe aos novos socios de honra do Liceo Casino, categoría que alcanzan aquelas persoas que levan máis de 50 anos ininterrompidos formando parte da entidade pontevedresa como socios de número.
Nesta ocasión, foron un total de 12 persoas as que cumpriron esas cinco décadas de fidelidade, aínda que cinco delas desculparon a súa asistencia á celebración por razóns persoais ou de saúde.
Os novos socios de honra son: Carlos Antonio Díaz González, Diego Fernández Varela, Luis María Losada Baquero, Miguel Martínez Quiñones, Miguel Domínguez Vaz, Manuel Fernández Rodríguez, José Ricardo García Cimadevila, Javier Lopo Mourenza, Enrique Francisco Torres Matos, Enrique Touriño Fontenla, José Manuel Valenzuela Fernández e José Vázquez Otero.
Os homenaxeados foron recibidos polo presidente do Liceo, Alejandro Regueiro, acompañado por membros da súa xunta directiva, para pasar a gozar dun agradable xantar, servido na carpa do parque, en compañía de familiares, convidados e socios que, como cada ano, non queren perderse un dos actos máis entrañables da veterana sociedade pontevedresa.
Ás sobremesas, o presidente da entidade dedicou unhas palabras aos homenaxeados, agradecéndolles a súa fidelidade: "Para nosotros sois un espejo en el que mirarnos. Somos una gran familia que, unida, ha sido capaz de superar todas las adversidades que se nos han presentado a lo largo de su historia, la última, sin ir más lejos, la pandemia. Esta unidad es una fuerza que nos hace invencibles ante cualquier desafío", dixo, antes de pasar a facerlles entrega da Insignia de Ouro e o correspondente diploma acreditativo.
A sobremesa alongouse un bo intre, entre animadas conversacións nas que as numerosísimas anécdotas, vivencias e recordos de todos os presentes no evento, foron o eixo central, destacando, como é lóxico, os momentos de lecer compartido con familiares, amigos e coñecidos nunhas instalacións que moitos non dubidaron en cualificar como a súa "segunda casa".