"Defendamos os nosos dereitos", con esta premisa iniciábase este venres unha marcha convocada polos sindicatos Comisións de base (Co. Bas), Prosagap e CESM-Galicia na que convidaban a participar a todo o persoal dos hospitais públicos e centros sanitarios de Pontevedra: celadores, AA. SS., telefonistas, técnicos, profesionais de enfermería, facultativos, Tcaes, lavandeiros, persoal administrativo, de cociña e de mantemento.
A protesta realizábase cos participantes portando máscaras de protección e gardando distancias de seguridade entre eles coa intención de evitar contacto ante o perigo de contaxio da Covid-19. Desde a organización tamén se tomou a decisión de que non se portasen siglas políticas porque o obxectivo era dotar de "unidade" a este acto reivindicativo en defensa da sanidade pública no que se coreaban lemas como 'Con camas pechadas, urxencias colapsadas', 'Coida a quen te coida', 'As camas no Quirón custan un montón' ou 'Os aplausos, onde están?', ao tempo que os manifestantes pedían ás persoas que se asomaban aos balcóns e ventás a que se sumaran á marcha.
Os participantes iniciaban o percorrido na porta do Hospital Provincial e circulaban por Benito Corbal e Peregrina ata desembocar na praza de España. Na intervención final, Enrique Marra-López, delegado de CESM-Galicia e médico do Hospital Provincial, megáfono en man, aseguraba que durante a crise sanitaria moita xente se contaxiou porque desde a xerencia non fixeron caso aos profesionais cando alertaron da situación. Apuntan a que os máximos responsables da área sanitaria adoptaron tarde as medidas de prevención.
Exisen a dimisión do equipo da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que lidera o xerente José Ramón Gómez Fernández, ao entender que impón cambios aos traballadores sen manter a comunicación coas forzas sindicais. Por este motivo, quéixanse das medidas adoptadas durante a última década en canto a horario, mobilidade do persoal, recursos humanos, sistemas de quendas e conciliación laboral. Inciden en que esta situación agravouse con motivo da crise sanitaria que se atravesa con motivo dos casos de coronavirus. Afirman que hai determinadas áreas hospitalarias pechadas ou inactivas e que desde a xerencia derivan os pacientes a hospitais privados.
Con esta manifestación tamén queren alertar do peche de camas previsto para este verán e ao berro de "goberne quen goberne, a sanidade pública deféndese" reclámanse máis recursos materiais e persoais para garantir a atención dos usuarios de hospitais e centros sanitarios de Pontevedra.
A protesta contou co apoio doutros profesionais que estaban na súa quenda laboral e que non puideron acudir á manifestación como no caso dos PAC's do Centro de Saúde da Parda ou o de Caldas de Reis.