O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, visitaron este mércores o novo aparcadoiro co que conta o núcleo comercial de Arcade.
A parcela, que se atopa na estrada que baixa desde o Colexio da Oliveira en paralelo á Avenida Xosé Solla, está xa habilitada e ten capacidade para 20 vehículos.
Con esta son xa tres as bolsas de aparcamento gratuíto habilitadas polo Concello en Arcade desde o comezo do mandato.
Xunto co aparcadoiro na rúa Forneira e a ampliación do aparcadoiro principal da Avenida Xosé Solla, en total o Concello puxo a disposición da veciñanza e das persoas consumidoras do comercio local máis de 100 prazas de aparcadoiro gratuítas.
Esto axuda a desconxestionar o núcleo de Arcade nas horas punta e impulsar o consumo no municipio.
Manu Lourenzo sinalou que "con esta nova bolsa de estacionamento consideramos que o núcleo comercial de Arcade queda correctamente servido en termos de aparcadoiro gratuíto".
Neste sentido, o alcalde mostrou unha vez máis o seu agradecemento aos veciños que, nos tres aparcadoiros mencionados, cederon as súas parcelas para permitir levar a cabo esta importante ampliación de prazas.
Lourenzo indicou que "aínda queda moito traballo por facer, e Soutomaior vai necesitar da colaboración de todas as administracións implicadas para que o modelo urbano de Arcade se adecúe ás necesidades reais da veciñanza, do comercio local e de todas as persoas que cada vez máis deciden achegarse ao noso concello por todo o que ofrecemos".