Novos xogos para o parque infantil de Vilariño

Poio
13 de marzo 2023

Os operarions instalarán un novo peche perimetral, substituíndo ao valado de madeira actual, que contará co mesmo material renovado. Asemade, repararanse e substituiranse os elementos de xogos, que actualmente se atopan moi deteriorados, e procederase ao pintado do muro

Parque infantil de Vilariño
Parque infantil de Vilariño

O Concello de Poio dotará o parque infantil de Vilariño con novos aparellos e un peche de madeira remodelado.

A concelleira de Deportes e Seguridade Cidadá, Marga Caldas, vén de visitar este parque na parroquia de San Xoán, no que o Concello de Poio procederá estes días a efectuar unha serie de labores encamiñados a mellorar o seu estado. 

Os operarions instalarán un novo peche perimetral, substituíndo ao valado de madeira actual, que contará co mesmo material renovado. Asemade, repararanse e substituiranse os elementos de xogos, que actualmente se atopan moi deteriorados, e procederase ao pintado do muro.

Caldas Moreira sinalou que este tipo de actuacións son importantes para garantir unhas boas instalacións nas áreas de esparcemento do municipio, especialmente naquelas das que fan uso as crianzas. 

"Seguimos a pasar revista a estas zonas, acometendo melloras nos lugares que sexa preciso", dixo Caldas que confía en que as condicións meteorolóxicas permitan a conclusión destes traballos no menor tempo posible. 

CHARLA INFORMATIVA SOBRE AFORRO DO RECIBO DA LUZ 

Este mércores, 15 de marzo, na Casa Rosada, a partir das 18.30 horas, terá lugar unha charla informativa para ofrecer pautas de coñecemento básicas e sinxelas coas que as persoas maiores se poidan familiarizar rapidamente e lles permita reducir os custes da factura da luz.

O técnico Diego Padín aclarará diferentes dúbidas, como analizar que compañía ten contratada cada usuario, o tipo de tarifa que máis se axusta ás súas necesidades e a contratación da potencia correcta.

A iniciativa conta tamén con asesoramento ‘on line’ e presencial e se pode solicitar chamando ao 625120475 ou enviando un correo electrónico a [email protected]