A Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres acordou na súa xuntanza ordinaria celebrada esta semana iniciar a partir de xaneiro do vindeiro ano varios traballos de silvicultura no monte comunal da parroquia. Os traballos consistirán na poda e roce de varios rodais de frondosas e na prantación de árbores nas zonas onde se talou este ano.
Para a realización destes traballos a Xunta Rectora acordou coa empresa adxudicataria a contratación de tres comuneiros en situación de desemprego, tal e como xa se fixo nos traballos realizados este ano. Os traballos de plantación levaranse a cabo nas zonas onde este ano se procedeu á corta de eucalipto moi afectado pola praga de goníptero.
Así nas zonas de Castiñeiras e Charmoles levarase a cabo unha prantación mixta de castiñeiros e piñeiros. Estes últimos intercálanse entre as frondosas para poder facer un aproveitamento comercial a medio prazo, ademáis de servir de protección mentras os castiñeiros non adquiren unha altura considerable. Na tala que se realizou xa se respectaron os carballos existentes na zona. Este rodal de frondosas fará a laboura de cortalumes natural. Na zona da Chamizada continuarase coa prantación de piñeiros xa existente, e por último na zona das Abilleiras farase unha prantación mixta de frondosas e piñeiros.
Estes traballos desenrolaranse nunha superficie aproximada de 4,5 hectáreas.
En canto aos traballos de poda e roce, estes consistirán na poda de frondosa (castiñeiros e carballo americano), roce aorredor da planta e eliminación de brotes de eucalipto na zona do Mato do Medio nas proximidades de Castiñeira nunha superficie aproximada de 13,00 hectáreas. No monte das Barreiras procederase á poda de sete hectáreas de frondosas e na zona das Abilleiras Miñotos ademáis eliminarase os piñeiros que xa impiden o crecemento adecuado de castiñeiros e carballos americanos. Ademáis nesta zona dunha superficie aproximada de catro hectáreas farase un roce mecánico.
Os comuneiros de Cobres prevén investir nestes traballos arredor de 25.000 euros e para os comuneiros en situación de desemprego que desexen participar, a Xunta Rectora enviará nos próximos días aos domicilios unha folla informativa coa información necesaria para anotarse.
Por outra banda, a Xunta Rectora convocou para o vindeiro 19 de xaneiro a asamblea xeral ordinaria, onde entre outros temas darase conta do informe de xestión do ano en curso.