O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, confirmou que esta mesma semana haberá novos cribados preventivos en diversos complexos residenciais da área sanitaria.
Están programados nos centros Méndez Núñez de Pontevedra, Valvanera de Cambados e Bata de Vilagarcía de Arousa o xoves 18 e nas residencias da capital de Campolongo e Saraiva, ademais da de Marín o sábado 20.
Luís López, estivo este martes no Centro de Atención Primaria de Toural, en Vilaboa, para supervisar o cribado de detección da covid-19 impulsado pola área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O representante da Xunta animou aos 2.722 veciños convocados para que participen masivamente nestas probas “co obxectivo de detectar casos asintomáticos para frear a transmisión e protexer a saúde da cidadanía".
López compareceu acompañado do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e do alcalde de Vilaboa, César Poza, para destacar o "compromiso e esforzo” que está a realizar o Sergas para conter a pandemia en todos os territorios e, especialmente, na provincia de Pontevedra, onde se citou a máis de 60.000 persoas a estas probas nas últimas semanas.
Puxo como exemplo os realizados en Poio, Soutomaior, Moraña, Caldas de Reis ou Ponte Caldelas, entre outras localidades, así como outros cribados máis pequenos en centros educativos ou os orientados a colectivos específicos.
"Toda a Xunta de Galicia está volcada fronte á crise sanitaria e loxicamente actuamos alí onde é máis necesario, como é o caso de Vilaboa, que ten 33 casos a día de hoxe e unha incidencia próxima aos 600 casos por cada 100.000 habitantes, aínda que superaba os 800 hai unha semana, e tamén presenta outros parámetros determinantes para a execución dun cribado", manifestou o delegado.
Este proceso de cribado prolongarase durante tres xornadas e efectuarase a través de tests rápidos de antíxeno con mostra nasofarínxea. Os resultados trasladaranse por medio de mensaxe en caso negativo e vía telefónica para os positivos.