Novo web para recalcar o violeta con motivo do quinto aniversario da Memoria das Mulleres

Pontevedra
21 de decembro 2018

O concelleiro Luis Bará presentaba a nova páxina web baixo o título 'Do gris ao violeta', onde máis de 500 mulleres da contorna de Pontevedra son protagonistas a través de 130 biografías, fotografías, vídeos e documentos 

Presentación do novo web 'Do gris ao violeta'
Presentación do novo web 'Do gris ao violeta' / PontevedraViva

Hai cinco anos nacía o programa municipal de 'A memoria das mulleres' coa intención de divulgar diferentes coñecementos sobre as mulleres de Pontevedra. O concelleiro Luis Bará, promotor desta iniciativa, entende que con aquela idea se quería corrixir unha inxustiza histórica. Por este motivo activouse un movemento para estudar e amosar diferentes temáticas cunha perspectiva feminina como foi o caso das mulleres de barrio, as creadoras e pioneiras e as que sofreron a represión durante a ditadura franquista.

O propio concelleiro, acompañado de María Abelleira e Xiana Iglesias, de MaOs Innovación Social, presentaban o novo web que conmemora estes cinco anos de actividades en pro da muller. Baixo o título 'Do gris ao violeta' englóbanse 130 biografías, doce vídeos e ao redor de 200 fotografías, ademais de arquivos documentais para ofrecer un gran escaparate de todo o recollido no programa 'A memoria das mulleres', na que se ofrecen 500 historias de mulleres con capítulos nos que se recolle con especial atención a vida de Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, dúas mulleres asasinadas durante a represión franquista. 

Nesta recompilación, Bará destacou a colaboración da investigadora Aurora Marco; do historiador Xosé Álvarez Castro; da exconcelleira María Xesús López Escudeiro e da xornalista Montse Fajardo. No web recóllense tamén os tres roteiros realizados por Pontevedra centrados na historia e na memoria das mulleres, coa posibilidade de que se poidan seguir a través do móbil.  

Avanzou que o proxecto terá continuidade con novos formatos divulgativos como a banda deseñada cunha biografía de Josefina Arruti, que está a elaborar o ilustrador Kiko da Silva. Ademais sinalou que potenciarán outros proxectos tanto audiovisuais como teatrais para continuar co obxectivo de que as mulleres obteñan unha visibilidade, que ata agora lles foi negada socialmente.