María Rúa, @pradorua na rede social Tik Tok, publicou o terceiro dos vídeos que se realizan dentro do programa 'A Memoria das Mulleres'. A tiktoker ofrece unha peza que leva por título 'A cantas coñeces?' e presenta unha listaxe de mulleres pontevedresas que foron silenciadas pola historia ou mesmo deturpadas malia os seus méritos.
Deste xeito, esta comunicadora realiza un vídeo que comeza coa pontevedresa Dolores Trabado, que foi a primeira taxista galega. @pradorua cambialle o alcume de "machola" por un adxetivo máis acaído, o de "pioneira". Despois tamén amosa a María Mendoza, a quen denomina "intelectual" fronte aos que a consideraban unha "excéntrica". A "roja peligrosa" de Juana Otero, unha muller represaliada, pasa a ser correctamente tratada como "vítima inocente". E así vai facendo unha revisión de mulleres como a mestra María del Carmen del Valle del Río, Vasquida García ou a imaxe dun grupo de mulleres concentradas con motivo do Primeiro de Maio en Pontevedra, traballadoras que eran tratadas como "lerchas" cando o axeitado sería dicir "loitadoras".
A peza videográfica sen palabras e con música de Huntza de fondo enmárcase dentro da filosofía de promover entre a xente nova a través das redes sociais a loita antifascista das mulleres e destacar o labor desenvolvido por pontevedresas na historia.
O programa 'A Memoria das Mulleres' promovido pola concellería de Memoria Histórica, que dirixe o concelleiro Xaquín Moreda, conta nesta proposta coa intervención de tres coñecidas tiktokers galegas: Laura Franco @laurafranco111; Leti da Taberna @letidataberna_ e María Rúa @pradorua.
Está previsto que antes de finais de 2021 as tres publiquen oito vídeos nas súas contas que suman centos de seguidores reivindicando o papel das mulleres. O primeiro vídeo publicouse en abril a través da retranqueira Laura Franco, que analizaba o cambio do nome da avenida Juan Carlos I polo de Virxinia Pereira e explicaba a importancia desta muller para Pontevedra e para Galicia. En maio publicábase un vídeo de Leti da Taberna con motivo do Día das Letras Galegas.
Cantas mulleres coñecías? Hoxe traio este vídeo da man da @MemoriaMulleres
— a Prado Rúa (@rua_prado) June 2, 2021
Dádelle amor aquí e no TikTok https://t.co/Pu8rqxPEeTpic.twitter.com/UiPi13OeVO