A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases do seu novo Plan Agrupado de Formación Continua, no que oferta un total de 101 cursos en modalidade presencial, en liña ou semipresencial para empregados públicos da provincia.
Este programa serve de apoio para o persoal dos municipios e outras entidades locais da provincia. Grazas ás accións ofertadas, benefícianse desta oportunidade de actualización das súas competencias profesionais, para así poder prestar uns mellores servizos públicos á cidadanía.
Ofértanse cursos de temática variada, como manexo de ferramentas e aplicacións informáticas, idiomas e lingua de signos, contabilidade pública, pedagoxía e psicoloxía infantís, linguaxe administrativa, protección de datos, violencia de xénero, intelixencia artificial, procedemento administrativo, prevención de riscos laborais, traballo en equipo, xestión catastral, tributos, eficiencia enerxética, protocolo, a nova reforma laboral, ciberseguridade, lexislación, teletraballo, fondos europeos, atención ao público, urbanismo, contratos menores, estrés laboral, deseño gráfico, ferramentas de laboratorio, mantemento de infraestruturas públicas ou manexo de maquinaria, entre outros. Na ficha de cada curso obsérvase se o acceso á formación está restrinxida a persoal con determinados perfís ou categorías ou é de acceso libre.
Ademais do persoal da Deputación poden participar empregados das entidades locais que se adhiran a este plan de formación, sempre que se atopen en servizo activo ao inicio do curso ou estean gozando de permisos por parto, adopción ou acollemento.
Na modalidade en liña poderán solicitar ata tres cursos por semestre, concedéndoselle un máximo de dous, mentres que para a modalidade presencial non haberá límite nas solicitudes. O prazo máximo para presentalas serán 20 días naturais antes do comezo da actividade.
Na actualidade están adheridos ao Plan Agrupado de Formación Continua 59 concellos, todos agás Pontevedra e Vigo.