Por segundo mércores consecutivo, nais, pais e escolares, ataviados con accesorios acuáticos, protagonizaban unha protesta ás portas do CEIP Froebel de Pontevedra reclamando 'Reforma xa'.
Nas últimas horas, representantes do ANPA do CEIP Froebel mantiñan un encontro co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, coa intención de obter un documento por escrito no que se garanta que as obras correspondentes á terceira fase van comezar no verán de 2024.
Malia a xuntanza, non lograron ese compromiso escrito e Eva Lourenco, presidenta do ANPA, afirma que queren que se plasme nun documento, xa que desconfían das promesas que desde o ano 2013 veñen realizando por parte da Consellería de Educación en relación coa posta en marcha desta última fase da reforma do centro educativo, que contempla a substitución da cuberta.
Lembran que,cando chove, o centro sofre pingueiras e humidades que provocan charcos tanto nos corredores como no patio interior e nalgunhas aulas.
César Pérez Ares, pola súa banda, mantén que as obras se iniciarán en 2024 e finalizarán en 2025 cun investimento de 1,1 millón de euros coa reparación integral das cubertas, con reforzo estrutural e mellora do illamento térmico, entre outras melloras.
Os representantes do ANPA tamén mantiveron un encontro con Paloma Castro, do PSOE, que considera que a actitude da Xunta de Galicia en relación con este centro escolar é "unha tomadura de pelo" ao seguir atrasando unha obra necesaria para garantir a seguridade e a salubridade do alumnado.
A Xunta sinala que a licitación das obras publicarase ao longo de febreiro e marzo. Pero o ANPA esixe o compromiso por escrito para que esta reforma deixe de ser un "proxecto en supervisión" e anuncian que continuarán coas protestas todas as semanas nos denominados 'Mércores Negros' co alumnado portando lentes acuáticas, flotadores e gorros de natación como denuncia do estado en que se atopa o centro.