Novo intento para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra

Pontevedra
04 de marzo 2025
Actualizado: 10:01

O goberno local está aberto á comarcalización, pero non a financiala para que ofreza servizo a outros concellos. Luis López dirixiuse ao alcalde para tentear a posibildade

Parque de Bomberos de Pontevedra
Parque de Bomberos de Pontevedra / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, dirixiuse ao alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, para tentear a posibildade de incluír o parque de bombeiros da cidade no Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento.

O Consorcio Provincial está integrado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra e ten a condición de entidade local non territorial con carácter administrativo e personalidade xurídica propia e independente das entidades que o compoñen.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, confirmaron este novo intento para comarcalizar o parque de bombeiros de Pontevedra, despois do intento errado de hai oito anos.

"O presidente da Deputación xa falou co alcalde e sabe perfectamente cal é o noso posicionamento: nós estamos abertos, como xa o estivemos antes", explicou Mosquera.

"Cremos que é razoable, pero isto ten unha condición, que é que ao Concello de Pontevedra non lle supoña máis gasto", engadiu.

As dúas administracións están de acordo en avanzar no proxecto. De feito, o Concello ofreceu á Deputación "toda a colaboración" neste asunto.

O goberno local está aberto á comarcalización, pero non a financiala para que ofreza servizo a outros Concellos. É dicir, rexeita que os veciños da Boa Vila sexan os que soporten un gasto a maiores para resolver os problemas doutros concellos que carecen de parque.

"Está claro que o que non pode ser é que o integremos sen máis e que o Concello teña máis gastos porque vaia cubrir máis área", recalcou Mosquera.

O Concello de Pontevedra inviste máis de 3,5 millóns de euros anuais no servizo de Bombeiros.

Mosquera lembrou que no caso de incidencias nas que se atope en risco a vida dunha persoa, os Bombeiros de Pontevedra seguirán, como até agora, acudindo onde sexan demandados. Con todo, noutro tipo de casos, os bombeiros da capital non poden deixar Pontevedra sen servizo para acudir a outro municipio.

Todos os concellos limítrofes coa capital coinciden en que a integración do parque pontevedrés no Consorcio resolvería as disfuncións que se producen agora.

"A mí me parece positivo para todos", valoraba tamén o vicepresidente provincial e portavoz local do PP, Rafa Domínguez.

"Díxoselle mesmo ao presidente provincial que agora o teñen máis fácil que no ano 2017, cando se tentou, porque agora teñen fío directo co Goberno da Xunta, de modo que si teñen que facer algunha modificación normativa, que a fagan", apuntou o concelleiro César Mosquera. "A solución está no tellado da Xunta e da Deputación, que é quen teñen que facelo", emprazou Mosquera.