Novo impacto contra un cruceiro: un turismo derruba o capitel da cruz situada en Santa María de Xeve

Pontevedra
31 de xullo 2023

O accidente producíase a últimas horas da tarde deste domingo 30 de xullo. O golpe provocou a caída da cruz e do capitel do elemento escultórico que se estragaba contra o chan. Este incidente prodúcese poucos días máis tarde de que outro vehículo causara danos no Cruceiro do Montiño, na parroquia veciña de Lérez

Pezas derrubadas do cruceiro de Santa María de Xeve
Pezas derrubadas do cruceiro de Santa María de Xeve / PontevedraViva

Un turismo impactaba a última hora da tarde deste domingo 30 de xullo contra o Cruceiro de Santa María de Xeve causándolle graves danos.

O vehículo circulaba pola estrada EP-0018 e chocaba contra a base do monumento relixioso, que se atopa situado no terreo que se utiliza como campo da festa, entre a antiga casa do concello de Xeve e a igrexa de Santa María.

Segundo testemuñas presenciais, os ocupantes do vehículo, que eran turistas, saíron ilesos do accidente. Afirmaron que a luz do sol provocou a perda de visibilidade no condutor e ao desorientarse terminou golpeando a estrutura. 

Como consecuencia do impacto, o capitel e a cruz eran derrubados e golpeaban contra o asfalto rompéndose en varios pedazos. Segundo as mesmas fontes, axentes da Policía Local achegáronse ata a zona para levantar atestado do incidente.

Este suceso rexístrase poucos días máis tarde de que outro vehículo tamén causase danos no Cruceiro do Montiño, na parroquia veciña de Lérez. Neste caso, as pezas foron retiradas e custodiadas pola Concellería de Patrimonio Histórico, para estudar a restauración da escultura.