Novo curso académico na UNED de Pontevedra con máis de 250 actividades de extensión universitaria

Pontevedra
01 de setembro 2024

Aumentan as ofertas formativas, divulgativas e de entretemento coa UNED Sénior como unha dos seus principais protagonistas, xornadas de debate, talleres etc.

Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria da UNED en Pontevedra
Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria da UNED en Pontevedra / UNED Pontevedra

A UNED reinicia, a partir do 9 de setembro, o novo curso con máis de 250 actividades de extensión universitaria que terán nunha conferencia sobre os protestantes e o Camiño de Santiago uno dos seus principais atractivos para o estudantado e público en xeral.

Este elenco de máis de 250 actividades, deseñadas polo coordinador de Extensión Universitaria da UNED en Pontevedra, Rafael Cotelo, abarcarán unha ampla gama de temáticas, escollidas para satisfacer os intereses do estudantado e do público en xeral. Así, ademais de seguir promocionando e ampliando as accións da UNED Sénior, haberá conferencias, talleres, cursos especializados e xornadas de debate.

Segundo Rafael Cotelo, "as nosas actividades están pensadas para enriquecer a formación académica e persoal dos participantes. As temáticas inclúen desde ciencias sociais e humanidades ata tecnoloxía, arte, saúde, medio ambiente e moito máis".

Entre as actividades preparadas para este curso, destaca unha conferencia aberta e gratuíta, que terá lugar o 25 de setembro, titulada "Os Protestantes e o Camiño de Santiago: Que cambiou, a teoloxía, a práctica, ou o Camiño en si?" que será impartida por Seth Grotzke, profesor do Seminario Bíblico Bautista de España e membro da Rede Galabra / Universidade de Sanitago de Compostela.

A UNED, UNHA UNIVERSIDADE ABERTA A TODOS E A TODO

Con este tipo de actividades a UNED en Pontevedra pretende ser un referente a nivel social, cultural, formativo e divulgativo do saber e de todos os puntos de vista que ofrece o coñecemento co fin de estimular unha mentalidade crítica entre o alumnado e o público en xeral.

Segundo Rafael Cotelo "desde a UNED convidámosche a explorar a nosa oferta e a inscribirche naquelas actividades que máis che interesen. As inscricións estarán abertas a partir do 9 de setembro e poden realizarse a través da nosa páxina web ou directamente nas nosas instalacións. Non perdas a oportunidade de participar nesta vibrante programación e de formar parte da nosa comunidade de aprendizaxe continua en UNED  Pontevedra".