A Misión Biolóxica, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra asinaban este martes o segundo convenio de colaboración para o estudo sobre a conservación, manexo e uso da biodiversidade de variedades locais de cultivos galegos na provincia.
Carmela Silva, presidenta provincial; Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica e Rosina López, vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, asinaban este acordo coa intención de que este centro, situado na parroquia pontevedresa de Salcedo, continúe investigando sobre coleccións vexetais con estudos que se atopan ao dispor de agricultores e empresas para desenvolver nas mellores condicións a actividade e economía agraria da provincia.
Elena Cartea explicaba que se investiga, entre outras especies, con millo, oliveiras, grelos e vides. Estes traballos dixitalízanse e publícanse nas páxinas web da institución para que se coñeza o traballo sobre biodiversidade vexetal.
Rosina López, que participou do encontro de maneira telemática, incidiu na vertente económica e a importancia que estes traballos teñen na sustentabilidade ao revalorizar especies vexetais autóctonas. Mentres que a presidenta da Deputación lembrou que a Misión Biolóxica se atopa asentada nunha propiedade da institución provincial, que quere seguir investindo en investigación porque "a crise sanitaria puxo no centro de todos os debates a importancia da ciencia e da biodiversidade de forma particular".
Carmela Silva explicou que as publicacións e dixitalizacións realizadas durante o último ano son mostra do resultado deste acordo institucional e destacou a relevancia que ten analizar os usos e formas de cultivo de produtos propios de Galicia.
UN SÉCULO DE EXISTENCIA DA MISIÓN BIOLÓXICA DE GALICIA
Neste mes de abril de 2021 cúmprense os 100 anos de existencia da Misión Biolóxica de Galiciae a directora do centro indicou que se celebrará este aniversario, aínda que marcado polas condicións que establece a pandemia, coa intención de que a sociedade coñeza o labor que desde hai décadas desenvólvese neste espazo para fomentar a biodiversidade vexetal.
Elena Cartea, ademais, será unha das homenaxeadas pola Deputación de Pontevedra na campaña #365Días365Mulleres, tal e como lembrou Carmela Silva neste encontro.