O novo goberno municipal xa se puxo mans á obra. Os quince edís do BNG e do PSdeG-PSOE, tras a toma de posesión do pasado sábado, comezaron a acomodarse ás súas renovadas responsabilidades.
"Comezamos a traballar sen perder un minuto", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que substitúe nesta responsabilidade a Raimundo González.
Ademais da reorganización interna e de espazos que debe realizar o Concello coa entrada dos catro edís socialistas, os integrantes do goberno compartiron xa a súa primeira Xunta de Goberno.
Neste órgano, segundo avanzou Gulías, estarán os nove edís do BNG -Eva Vilaverde, César Mosquera, Raimundo González, Carme da Silva, Carmen Fouces, Alberto Oubiña, Xaquín Moreda, ademais de Miguel Anxo Fernández Lores e a propia Anabel Gulías, e os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes.
A proposta de organización, que entre outras cuestións definirá as dedicacións exclusivas para goberno e oposición, atópase "moi avanzada", segundo a portavoz municipal, e será aprobada no pleno que se celebrará este mércores ás 11.00 horas.