O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, inspeccionou a pavimentación dun acceso ao lugar de O Batán, na parroquia de Loureiro, cun investimento aproximado duns 70.000 euros con cargo ao Plan Marco da Xunta de Galicia.
A intervención supuxo o aglomerado en quente dun camiño cunha lonxitude aproximada duns 1.100 metros no que a empresa adxudicataria dos traballos, Construcciones Marconsa, levou a cabo tamén a limpeza e perfilado de cunetas así como a mellora do sistema de evacuación e drenaxe de augas pluviais.
Este vial que dá acceso ao lugar do Batán, na parroquia de Loureiro, presentaba un deterioro moi importante polo que o Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu incluir o seu arranxo dentro das subvencións desta liñas de axuda da Xunta.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela, "con esta actuación mellórase substancialmente o acceso rodado a O Batán e tamén se resolven graves problemas derivados da actuación das augas pluviais que non so estaban contribuíndo a estropear aínda máis o pavimento senón que se producía acumulación de auga que dificultaba tamén nos días de choiva a circulación peonil".