Un novo aparcadoiro con 20 prazas incrementa a oferta gratuíta no núcleo de Arcade

Soutomaior
08 de novembro 2024

Manu Lourenzo sinalou que, con este novo aparcadoiro na estrada que baixa desde o colexio da Oliveira, "o núcleo comercial de Arcade queda correctamente servido en termos de aparcadoiro gratuíto"

Manu Lourenzo, no novo aparcadoiro na estrada que baixa desde o colexio da Oliveira
Manu Lourenzo, no novo aparcadoiro na estrada que baixa desde o colexio da Oliveira / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior dá un novo paso para solucionar os problemas de estacionamento que existe no núcleo urbano de Arcade. 

Este venres 8 comezaron as obras para a construción dun novo aparcadoiro nunha parcela se atopa na estrada que baixa desde o colexio da Oliveira en paralelo á avenida Xosé Solla.

Este novo aparcadoiro terá capacidade para entre 15 e 20 vehículos e está previsto que estea habilitado e dispoñible para o seu uso nas vindeiras semanas.

Desde o Concello lembran que será a terceira bolsa de aparcamento gratuíto habilitada polo Goberno local en Arcade desde o comezo de mandato, despois da zona creada na rúa Forneira e a ampliación do aparcadoiro principal da avenida Xosé Solla.

Estas tres zonas de aparcadoiro suman máis de 100 prazas gratuítas, que permitirán "desconxestionar o núcleo de Arcade nas horas puntas e impulsar o consumo".

O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que con este novo aparcadoiro quedarán solucionados os problemas de estacionamento que levan anos a sufrir: "consideramos que o núcleo comercial de Arcade queda correctamente servido en termos de aparcadoiro gratuíto".

Lourenzo mostrou o seu agradecemento aos veciños e veciñas que cederon as súas parcelas para permitir levar a cabo esta importante ampliación de prazas.

Ademais, destacou que hoxe Soutomaior conta cun modelo de tráfico e de estacionamento "moito máis calmado, accesible e afastado do feísmo urbanístico" do que había ao comezo do mandato.

De todos os xeitos, recoñeceu que "aínda queda moito traballo por facer" e Soutomaior vai necesitar da colaboración de todas as administracións implicadas para que o modelo urbano de Arcade "se adecúe ás necesidades reais da veciñanza, do comercio local e de todas as persoas que cada vez máis deciden achegarse ao noso concello por todo o que ofrecemos".