Coa chegada de 2024 haberá que seguir incrementando a partida orzamentaria de cada fogar e de cada empresa para enfrontarse a unha nova subida das peaxes da AP-9.
Trátase da primeira subida despois da entrada en vigor da prórroga a Audasa en agosto de 2023, prórroga concedida polo goberno de José María Aznar no 2000, que permite a Audasa xestionar a AP-9 ata o ano 2048. Esta prórroga atópase baixo investigación por parte da Comisión Europea sen que ata o momento exista resolución respecto diso.
Entre outras subidas de peaxes que se aplicarán a partir do 1 de xaneiro, os tramos principais terán os seguintes prezos:
- Pontevedra-Santiago: pasa da tarifa de 6,40 actual a 6,85 euros.
- Vigo-Pontevedra: pasa de 4,30 a 4,60 euros.
- O Morrazo-Pontevedra: de 3,10 a 3,33 euros.
- Vigo-A Coruña: pasará de custar 18,15 a 19,35 euros, unha subida de 1,20 euros.
De promedio, as tarifas subirán un 6,55%, o que supón o aumento máis elevado no últimos dez anos.
Cada aninovo actualízanse as peaxes atendendo aos datos da inflación, entre outros aspectos como o pago polas obras de ampliación da ponte de Rande, que se inauguraba en decembro de 2017 e pola que Audasa aplica unha subida adicional dun 1% cada ano.