Novo acto vandálico en Valdecorvos: unha veciña atopa o seu coche sobre caixas de cervexa

Pontevedra
07 de novembro 2024

O incidente produciuse na noite do luns ao martes, cando o coche dunha veciña da Praza das Regas foi vandalizado, desposuíndoo de pinas e pneumáticos

Coche aparcado xunto á Praza das Regas ao que despoxaron de pinas e pneumáticos
Coche aparcado xunto á Praza das Regas ao que despoxaron de pinas e pneumáticos / PontevedraViva

O barrio pontevedrés de Valdecorvos viuse sacudido nas últimas horas por un novo acto de vandalismo que deixou a unha veciña, Laura González, co seu vehículo seriamente danado.

A primeira hora da mañá deste martes 5 de novembro, Laura foi contactada pola Policía Local, que lle informou que o seu coche, un Seat Ibiza, fora desposuído das súas catro rodas, e colocado sobre catro caixas de cervexa.

Segundo os informes, o incidente produciuse na noite do luns ao martes. A policía recibiu unha chamada dun veciño que alertaba sobre a situación do coche, desprovisto completamente de pinas e pneumáticos. "Non deixaron nin un parafuso", afirma a PontevedraViva a afectada con impotencia.

Os feitos ocorreron no aparcadoiro de terra situado xunto á Praza das Regas, unha área pouca iluminada e coñecida pola inseguridade nocturna.

Tras recibir a noticia, Laura enviou a un familiar ao lugar, xa que ela se atopaba traballando. Despois de cumprir coa súa xornada laboral, a veciña visitou o lugar e constatou o sucedido.

Coche aparcado xunto á Praza das Regas ao que despoxaron de pinas e pneumáticos
Coche aparcado xunto á Praza das Regas ao que despoxaron de pinas e pneumáticos  PontevedraViva

Foi entón cando presentou denuncia na comisaría da Policía Nacional. "Os policías dixéronme que isto é máis común do que pensamos" e que a falta de cámaras de vixilancia ía complicar a posibilidade de identificar os ladróns.

A continuación, "veu o guindastre cunha pluma a sacalo, porque claro, ao non ter rodas, tiveron que cargalo así, e levárono ao taller para peritar", comenta.

O coche, de 20 anos de antigüidade, está asegurado só a terceiros, o que complica a situación para Laura, quen agora espera que os trámites coa súa aseguradora permitan algún tipo de compensación. "As rodas acabábaas de cambiar antes de que empezase o inverno, así que é un grande investimento perdido", engade.

Os veciños da zona lembran que hai apenas tres meses outra residente sufrira un incidente similar. "Isto é algo que está a ocorrer con frecuencia e é necesario que o Concello actúe", expresaron a este medio.

Coinciden na necesidade de dotar de máis puntos de luz a esta contorna, xa que na zona do aparcadoiro só hai un farol que, para maior perigo, está tapado por unha árbore. Ademais, reclaman un correcto mantemento do aparcadoiro e da maleza próxima.

O acto vandálico reabriu o debate sobre a seguridade na zona e a urxencia de que se tomen medidas para mellorar a iluminación e o estado do aparcadoiro, unha parcela que orixinalmente foi cedida polos veciños para a construción dun parque público.