Dúas adegas da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo e sete colleiteiros converteranse durante os días 11 e 12 de maio no escarapate da variedade e calidade dos caldos elaborados en Vilaboa no marco da XI edición da Festa do Viño.
Durante estas dúas xornadas as persoas que se acheguen ata Riomaior poderán degustar as diferentes variedades colleitadas e elaboradas na contorna de Vilaboa a prezos populares.
A Festa contará tamén cun apartado técnico, coa celebración dunha cata diferenciada para adegueiros e colleiteiros na que se valorará a calidade dos viños participantes.
A promoción dos caldos locais está acompañada nesta edición con catro postos máis que facilitarán aos visitantes a opción de xantar o cear na carpa ou no seu exterior, no parque de Riomaior. Para facelo posible ofertarase churrasco e polbo durante os dous días, así como un stand doce e cafés e refrescos a cargo do bar O Toxo.
Na xornada do domingo a Festa do Viño convida a un ostreiro de Arcade que amosará en directo a súa técnica para a apertura das ostras e máis ofrecerá a posibilidade de degustalas a prezos populares.
A música ten un apartado especial no programa coa actuación de Treixadura o sábado 11 de maio a partir das 22 horas e cun concerto da Banda da Escola de Música de Vilaboa o domingo ás 12.30 horas, xornada na que tamén haberá inclabes e actividades para os máis pequenos.
Nesta XI edición a Festa do Viño recupera a figura do pregoeiro, solapada o ano pasado polo recoñecemento aos alcaldes fundadores e impulsores deste evento, que recaerá no xornalista deportivo residente en A Cardiña, Oswaldo García.
Tanto César Poza, alcalde de Vilaboa, como Carmen Gallego, concelleira de Dinamización Económica, animan á veciñanza a asistir á Festa, a degustar os viños locais e gozar dunha xornada diferente nun entorno natural singular "poñendo en valor a calidade dos nosos caldos e da nosa gastronomía".