Nove anos de recuperación do monte, ao traste pola chegada do lume de Tenorio ao Salgueiral

Pontevedra
16 de agosto 2016

A Comunidade de Montes do Salgueiral insiste en que ese incendio puxo "gravemente en perigo as nosas vivendas"e tamén a "viabilidade da recuperación do monte" iniciada no ano 2007 e que "con tanto esforzo foise levando a cabo durante estes anos". O lume afectou a case 70 hectáreas deste lugar de Pontevedra, das cales máis de 40 corresponden a monte veciñal

Tarefas de extinción do incendio de Tenorio no límite con Pontevedra
Tarefas de extinción do incendio de Tenorio no límite con Pontevedra / Diego Torrado

A vaga de lumes do ano 2006 devastara o 100% do monte da zona do Salgueiral, en Bora, e, para recuperalo, ao ano seguinte puxéronse en marcha actuacións de distinta natureza para recuperalo, entre elas, varias do programa municipal Monte Vivo. Todo ese traballo de nove anos, volveuse perder o pasado 8 de agosto, cando o incendio declarado na parroquia de Tenorio, en Cotobade, traspasou os límites territoriais e chegou ao monte pontevedrés. 

A Comunidade de Montes do Salgueiral insiste en que ese incendio puxo "gravemente en perigo as nosas vivendas"e tamén a "viabilidade da recuperación do monte" iniciada no ano 2007 e que "con tanto esforzo foise levando a cabo durante estes anos".

Segundo os datos que aportan, das 365 hectáreas arrasadas por este lume, case 70 hectáreas foron no Salgueiral, das cales máis de 40 corresponden a monte veciñal e as restantes a propiedades particulares. Especial importancia polo seu valor medioambiental e paisaxístico ten a perda total de preto de 10 hectáreas nas marxes do río Almofrei, nas cales se levou a cabo nestes anos, coa colaboración do programa Monte Vivo, a substitución do eucalipto por especies de ribeira. Tamén resultaron afectados tres quilómetros de carreiro da Senda do Almofrei que esta comunidade de montes inaugurou no ano 2010.

Co fin de analizar os datos da valoración dos danos que está levando a cabo esta comunidade de montes, e as consecuencias que estes van supoñer para a evolución do monte, convocouse aos comuneiros a unha asemblea extraordinaria que se levará a cabo o próximo día 18 de setembro.

Ademais, os comuneiros anuncian que apoian a concentración contra os incendios e en defensa do monte que se celebrará o próximo xoves 18 ás 20.30 na praza da Peregrina.