Novas tecnoloxías para reflexionar sobre igualdade e violencia de xénero desde o colexio

Bueu
19 de xaneiro 2017

Un total de 559 alumnos dos centros educativos de Bueu participan esta semana na rodaxe dunha serie de vídeos nos que reflexionan sobre violencia de xénero, igualdade de oportunidades e adquisición de valores ligados á sensibilización e ao fomento de dinámicas participativas 

Gravación de vídeos dentro do proxecto ExpresArte!
Gravación de vídeos dentro do proxecto ExpresArte! / Concello de Bueu

Un total de 559 alumnos dos centros educativos de Bueu participan esta semana na rodaxe dunha serie de vídeos nos que reflexionan sobre violencia de xénero, igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e adquisición de valores ligados á sensibilización e ao fomento de dinámicas plenamente participativas sobre a creación de propostas de educación e igualdade. 

A rodaxe prolongarase ata o martes 24. Baixo a coordinación de Ramón Torrente García, axente de igualdade, o alumnado grava vídeos, spots publicitarios, curtametraxes e minidocumentais. A finalidade é fomentar a reflexión e a capacidade crítica sobre a igualdade e a violencia sobre as mulleres, e como facer cambiar á sociedade axudándose das novas tecnoloxías. 

Participan 43 alumnas e 44 alumnos do CEIP A Pedra; 11 alumnas e 15 alumnos do CEIP A Torre -Cela; 72 alumnas e 79 alumnos do CPR Virxe Milagrosa; 11 alumnas e 15 alumnos do CEIP Montemogos; 54 alumnas e 82 alumnos do IES Illa de Ons; e 59 alumnas e 74 alumnos do IES Johán Carballeira.

Esta rodaxe forma parte do proxecto ExpresArte!, organizado polo Centro de Información ás Mulleres de Bueu con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra.