Novas áreas de xogos, máis zonas verdes e un único carril perimetral: Así será a futura Plaza de Barcelos

Pontevedra
04 de decembro 2020

A nova Praza de Barcelos, destacou o goberno municipal, "será unha referencia para a cidade do futuro". A súa remodelación integral será "respectuosa" co patrimonio, está "pensada para os veciños" e permitir, engaden, que os comercios "traballen moito mellor"

Demetrio Gómez amosando a proposta para o redeseño da Praza de Barcelos
Demetrio Gómez amosando a proposta para o redeseño da Praza de Barcelos / PontevedraViva

Esquecervos da actual Praza de Barcelos. A reforma na que traballa o goberno municipal dará un aspecto radicalmente diferente a este ámbito urbano. Reordenaranse todos os espazos para reforzar o seu carácter como punto de encontro e de estancia da cidadanía.

Así o avanzou este venres o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que asegurou que a intención do Concello é poder licitar esta reforma en 2021.

A proposta, deseñada por un equipo de arquitectos de Pontevedra, remodela por completo unha praza que, segundo o edil, "é moi dura" e ten moita pendente. "Non estaba pensada para o uso dos cidadáns e moitos dos elementos quedaron de cando foi aparcamento", dixo. 

Para achar o deseño máis adecuado, os autores do proxecto realizaron un estudo "pormenorizado" da praza para coñecer, entre outras cuestións, os fluxos de tráfico, as zonas de sombra, as pendentes do terreo, a vexetación ou o tipo de comercios que hai.

A reforma parte da necesidade de redeseñar as zonas de xogos, ao entender que os principais usuarios desta praza son os nenos e as nenas. Crearanse dúas grandes áreas de parque infantil -sombreados no proxecto cunha cor azul escura-, que estarán dividas por idade dos usuarios.

Haberá tres pistas polideportivas, que ocuparán o espazo do actual parque infantil, e haberá unha zona con mesas de ping-pong. Tamén se reformará o espazo que utiliza o CEIP Barcelos como patio de recreo. O seu aspecto aínda non está determinado, xa que se acordará co centro.

O segundo criterio desta remodelación era ampliar as zonas verdes na praza. Así, aproveitando o "extraordinario valor" do muro do convento de Santa Clara, crearase unha gran zona axardinada pegado a el, onde están agora mesmo as pistas deportivas.

Haberá novos árbores e manteranse todos os plátanos centenarios. A través dunha pradería esta zona verde, na que haberá diferente mobiliario urbano, chegará ata o centro da praza. Alí haberá unha pérgola para dar sombra nas horas centrais do día.

A ampliación das beirarrúas, que serán máis anchas en todo o perímetro, tamén se inclúe nesta reforma de Barcelos que, ademais, reservará un espazo na zona sur da praza para as terrazas da hostalería, ao ser a zona na que se concentran estes establecementos.

Con respecto ao tráfico, Barcelos quedará cun único carril de circulación. Entrarase por Perfecto Feijóo ou por Benito Corbal a través de Vasco da Ponte. Sairase por Rouco. Ademais, manteranse as entradas e saídas ao actual aparcamento subterráneo.

Os aparcamentos, que quedarán unicamente á beira dereito do sentido da circulación, serán en liña e, previsiblemente, estarán reservados para servizos. Esta última cuestión, segundo Demetrio Gómez, será consensuada cos comerciantes da praza.

A nova Praza de Barcelos, destacou o goberno municipal, "será unha referencia para a cidade do futuro". A súa remodelación integral será "respectuosa" co patrimonio, está "pensada para os veciños" e permitir, engaden, que os comercios "traballen moito mellor".