Novas actividades gratuítas para gozar durante o curso en Poio

Poio
10 de setembro 2023

Destacan como novidades o programa de prevención do alzhéimer e promoción da saúde, así como o proxecto 'Mareas de Coñecemento', que se inclúe na Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores, ou talleres novos a través do programa 'Cóllelle Gusto'

Participantes no programa 'Coidate sempre co verán'
Participantes no programa 'Coidate sempre co verán' / Concello de Poio

Aberto o prazo para anotarse nas actividades que se desenvolverán ao longo do curso en Poio onde destacan como novidades o programa de prevención do alzhéimer e promoción da saúde, así como o proxecto 'Mareas de Coñecemento', que se inclúe na Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores, ou talleres novos a través do programa 'Cóllelle Gusto'.

As persoas interesadas xa se poden anotar e informar no Palacete de Besada ou no teléfono 986872401.

A edil delegada, Natividad Torres, anima a todo o mundo a anotarse a estas propostas porque "é importante manterse activos, exercitar a mente e interactuar con outras persoas, cuestións que repercuten de xeito directo nunha maior calidade de vida". Tamén quixo destacar "o importante traballo realizado polo persoal de Servizos Sociais para que o Concello de Poio ofreza aos seus veciños unha programación variada, atractiva e moi interesante".

O programa de prevención do Alzhéimer realizarase en colaboración coa Asociación de familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra e promoción da saúde, dará comezo en outubro e está dirixida ás persoas maiores de 55 e que non estean diagnosticadas con enfermidade neurodexenerativa.

As persoas participantes traballarán durante os venres de todo o ano, agás en agosto, con diferentes dinámicas para fomentar un envellecemento saudable. Será entre as 10.00 e as 12.00 horas na Casa Rosada e é gratuíta. 

O proxecto 'Mareas de Coñecemento' está subvencionado pola Xunta de Galicia e encádrase na Rede Galega de Programa Universitarios para Maiores, é gratuíto e está destinado para persoas maiores de 50 anos. O obxectivo deste proxecto é favorecer o coñecemento, e inclúense dous seminarios que se impartirán en horario de tarde por profesorado da Universidade de Vigo.

O primeiro versará sobre a 'Historia e patrimonio cultural de Poio' e celebrarase en dúas sesións. A primeira o 9 de outubro, entre as 17.00 e as 19.00 horas no Casal de Ferreirós e a segunda sesión, o mércores 11 de outubro de 16.30 a 19.30 horas cunha visita práctica e percorrido polo conxunto histórico de Combarro. O segundo seminario do programa universitario para maiores é 'Pilates sénior', e desenvolverase na Casa Rosada o mércores 4 de outubro entre as 16.30 e as 19.30 horas.

Outra das novidades do curso son os talleres monográficos do programa 'Cóllelle o gusto', nos que as persoas participantes terán a oportunidade de probar e descubrir novas afeccións. Neste caso, inclúen as actividades Bonecas de papel crepe o día 27 de outubro; un taller para realizar unha bufanda mediante a técnica da horquilla, o 17 de novembro; e outro sobre estampación con motivos de Nadal en diferentes superficies, o 1 de decembro. Todos eles desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17.00 e as 21.00 horas e son gratuítos.

Tamén no mes de outubro retomarán as actividades de ximnasia (tai-chi), que se desenvolverán as mañás dos luns, mércores e venres, ás 10.00 e 11.00 horas, cun prezo de de 12 euros ao mes; de ioga, os martes e xoves ás 9.15 horas e cunha cota de 20 euros; e de pilates, os martes e xoves ás 10.30, ás 19.15 e ás 20.30, co mesmo prezo.

As clases de corte e confección impartiranse os luns e mércores, ás 17.00 e ás 19.00 horas e teñen un custe de 25 euros ao mes, e é requisito que o alumnado dispoña dunha máquina de coser portátil ou que poida compartila con outra persoa inscrita no curso.

Asemade, o grupo de teatro para adultos desenvolverase os venres, de 19.30 a 21.00 horas, e o coro de maiores, os xoves de 17.00 a 19.00 horas, ámbolos dous na Casa Rosada.

No caso do taller de memoria, preferentemente destinado para as persoas maiores de 60 anos, desenvólvese os luns e mércores de 17.00 a 19.00 horas e ten unha cota de 10 euros ao mes.

Por último, o programa Saudemente terá un carácter itinerante e levarase a cabo na Seca, Campelo, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño e, neste caso, a cota é de 10 euros ao mes.

Através deste programa, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, ofrecerán ás persoas maiores de 65 anos as ferramentas e coñecementos necesarios para que sexan capaces de desenvolverse cun caixeiro automático, utilizar o teléfono móbil (agregar contactos na axenda, realizar vídeo chamadas, utilizar o GPS; descargar aplicacións, conectarse a unha rede wifi...), utilizar as máquinas de quendas dos hospitais e operar na aplicación do Sergas. A inscrición é de balde e desenvolverase en cinco sesións en horario de mañá.