Nova xornada sen médicos no centro de saúde de Cuntis

Umia
15 de xuño 2023

O alcalde da localidade, Manuel Campos, trasladou o seu malestar ao xerente da área sanitaria, ao que advirte que "coa saúde da nosa xente non imos consentir que ninguén xogue"

Centro de saúde de Cuntis
Centro de saúde de Cuntis / Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, alerta da precariedade sanitaria na que se encontra o Centro de Saúde da localidade, no que este xoves non contaban con ningún facultativo dos tres que conforman a plantilla.

O rexedor comunicou ao xerente da área sanitaria de Pontevedra a gravidade da situación e o total rexeitamento do goberno local de Cuntis a unha precariedade que considera “intolerable”-

O dirixente socialista móstrase firme na defensa dunha atención primaria sanitaria de calidade á que teñen dereito todos os veciños e veciñas de Cuntis. “O que temos moi claro é que estamos ante un problema transcendente. Coa saúde da nosa xente non imos consentir que ninguén xogue”, advertiu.

Explica o mandatario que o Centro de Saúde de Cuntis conta con tres facultativos e polo tanto, non se pode consentir este vacío que sen dúbida estase a repetir moi a miúdo. O alcalde recorda á Consellería a súa obriga de sustituir as vacacións do persoal médico a fin de garantir unha sanidade de calidade. “Non quero entrar en polémicas pero esto é consecuencia dunha política sanitaria que nunca priorizou a saúde dos cidadáns”, rematou.