Oitenta e catro anos tiña a última vítima mortal que deixa a pandemia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. É un home que estaba ingresado en Montecelo.
Segundo informou Sanidade, o seu falecemento produciuse onte xoves 13 de xaneiro. Este paciente tiña patoloxías previas.
Tras este deceso, as mortes provocadas polo coronavirus desde marzo de 2020 elévanse a un total de 237 na área sanitaria.
Ademais desta vítima en Pontevedra, as autoridades sanitarias confirmaron outras seis mortes en Galicia, ocorridas no últimos tres días.
Trátase dunha muller de 86 anos e un home de 84 en Povisa (Vigo), unha muller de 90 anos que faleceu no seu domicilio de Vigo, unha muller de 94 anos no hospital de Monforte, un home de 86 anos no hospital de Vigo e un home de 72 no hospital de Ferrol.
Con elas, 2.836 persoas perderon a vida en Galicia tras infectarse co coronavirus.