A nova taxa de lixos de Pontevedra fará que pague máis o que máis xere

Pontevedra
29 de outubro 2024
Actualizado: 15:59

O concelleiro César Mosquera destacou que a unha boa parte baixaralle a taxa e que os grandes beneficiados serían as pequenas actividades e aquelas que teñan menos ingresos

Un camión recollendo o lixo
Un camión recollendo o lixo / PontevedraViva

O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera presentou este martes a nova ordenanza fiscal dos residuos do Concello de Pontevedra.

Suporá a imposición dunha nova taxa de lixos para cumprir coa lei estatal que obriga a que o custo da xestión dos residuos se pague cos recibos do contribuínte, impedindo usar fondos municipais para cubrir o déficit.

Segundo insistiu Mosquera, non se trata dunha subida da taxa senón de adaptarse á lei para que pague máis quen máis residuos xere e teña máis capacidade económica e que pague menos quen teña menos capacidade e xere menos residuos.

Mosquera destacou que a unha boa parte baixaralle a taxa e que os grandes beneficiados serían as pequenas actividades e aquelas que teñan menos ingresos.

Segundo indicou, a taxa réxese ao redor de seis principios fundamentais: universalidade, progresividade e capacidade económica, dispoñibilidade do servizo, estímulos por boas prácticas, flexibilidade e o denominado factor social.

En canto á universalidade, aplicarase a toda actividade (teña ou non un local) potencial ou efectivamente xeradora de residuos de competencia municipal.

Mosquera advertiu que a ordenanza actual é "tremendamente regresiva" mentres que a partir de agora aplicarase tendo en conta a capacidade económica do xerador de residuos.

Ademais, unha parte da taxa deberá ser fixa pola dispoñibilidade do servizo e deberá ser unha parte relativamente pequena para dar cabida aos estímulos por boas prácticas que son os factores de redución da taxa polo esforzo e a corresponsabilidade na xestión dos residuos.

Son cuestións como a prevención, reutilización, separación para a reciclaxe, a compostaxe individual ou comunitaria, a doazón a comedores sociais ou a recollida de residuos similares aos que produce ou vende.

O factor social xa existe actualmente e está contemplado na lei así como a rebaixa ou a anulación para as familias que se atopen en situación de risco de exclusión social.