Así será a nova taxa do lixo en Pontevedra: pagará máis quen máis residuos produza

Pontevedra
13 de novembro 2024

O goberno local chegou a un acordo co PSOE para aprobar esta nova taxa e fixar os criterios para calcular o importe do recibo que pagará cada cidadán ou cada empresa. O PP votou en contra

Colector de lixo en Pontevedra
Colector de lixo en Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra deu un paso máis para aprobar unha nova taxa do lixo que, ademais de adaptarse á normativa europea de residuos, permitirá adecuar o seu custo ao uso que fan os cidadáns do servizo. Así, como norma xeral, pagará máis pola recollida para quen máis residuos produza.

O goberno local chegou a un acordo co PSOE para aprobar esta nova taxa e fixar os criterios que se usarán para calcular o importe do recibo que pagará cada cidadán ou cada empresa. O PP votou en contra ao entender que se está abrindo a porta a unha suba "xeralizada" de impostos.

Os técnicos municipais serán agora os encargados de elaborar o estudo económico que recolla a fórmula que se aplicará na factura aos contribuíntes en base ao lixo que xeren nos seus domicilios ou negocios, incluíndo bonificacións para determinados comportamentos.

O edil responsable da área de infraestruturas, César Mosquera, explicou que Pontevedra cobrará a taxa por este servizo cos criterios "máis obxectivos posibles", fundamentalmente a superficie catastral e o consumo de auga, no caso do cálculo para as vivendas.

Tamén se terán en conta, entre outros factores, o número de traballadores, o aforo dos locais ou a superficie de venda, no caso dos establecementos abertos ao público.

Ao respecto dos grandes xeradores, os que producen máis de dez toneladas ao ano, terán a posibilidade de facer a súa propia xestión de residuos como o caso de Zara, Carrefour ou Montecelo, por exemplo, ou ben adherirse ao sistema municipal.

"Coa nova taxa de residuos a metade os usuarios reducirán o seu recibo e a outra metade subiralles", destacou Mosquera, que defendeu que se trata dunha "reestruturación" dos custos da recollida de lixo para que Pontevedra poida adaptarse á nova lei.

Sobre o papel, polo tanto, as novas tarifas beneficiarán a inmensa maioría dos fogares pontevedreses e tamén a pequenos comercios e negocios fronte ás grandes empresas que, principalmente, serán os que terán que pagar máis do que fan na actualidade.

O Concello ofrecerá ademais bonificacións para axudar ás rendas máis baixas e premiar aos cidadáns e empresas máis comprometidas coa reciclaxe e o medio ambiente.

Así, haberá rebaixas por participar no sistema de compostaxe, para familias numerosas ou persoas en risco de exclusión social, polo uso do punto limpo ou polo impulso de actividades formativas en materia de reciclaxe, entre outras.

A maiores, a nova ordenanza xerará dúas novas categorías non existentes na actualidade na normativa municipal de Pontevedra e que, polo tanto, estaban exentas ata o de agora.

Serán as actividades sen local, como concertos por exemplo, ou os servizos específicos, aqueles nos que un particular solicita o traslado de grandes cantidades de residuos.

O PSOE CELEBRA QUE HAXA UNHA TAXA "MÁIS XUSTA"

A modificación desta ordenanza contará co apoio do PSOE. O seu voceiro, Iván Puentes, celebrou que Pontevedra vaia a contar cunha taxa "máis xusta" que premie o comportamento responsable da cidadanía e fomente a reciclaxe e a compostaxe.

Na actualidade, segundo Puentes, eran as familias "as que facemos o grande esforzo económico" para pagar pola recollida de lixo, especialmente se se compara o que pagan os fogares ou os pequenos comercios con respecto ás grandes empresas.

"Pagamos uns 100 euros ao ano, o que significa que abonamos tan só 140 euros menos que Amancio Ortega pola taxa de recollida", explicou o líder socialista, que apuntou que Ence paga uns 2.000 euros, mentres que as panaderías de barrio abonan uns 1.700 euros.

Ese é o sistema que, afirma o edil do PSOE, "quere perpetuar Rafa Domínguez", reiterando que "non se trata de pagar máis, senón de pagar mellor; de ser máis xustos no reparto do custe do servizo e de bonificar aos cidadáns responsables e que mesmo acaben pagando menos".

O acordo entre BNG e PSOE supón, entre outras medidas, que se elimine do cálculo da taxa aos comercios, a hostalería e a industria en base á súa facturación ou que as actividades que se organizan na rúa "teñan un mínimo exento" ata certo número de asistentes.

Ademais, froito desta negociación, haberá ademais bonificacións pola utilización do punto limpo, para os cidadáns que composten ou reciclen ou para as familias numerosas, así como que a taxa do rural sexa máis barata que na zona urbana, "xa que uso e o servizo son diferentes".