A área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas, estreou nos últimos días novos paneis de sinalización que permiten contemplar as súas cinco estacións de petroglifos cunha reprodución exacta do seu deseño e achegan todos os datos necesarios para a súa correcta comprensión e interpretación.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, a actuación forma parte dun proxecto para acabar co abandono neste espazo cultural inaugurado no ano 2007 e do que aseguran que non contou cun mantemento axeitado.
O Concello quéixase de que hai poucas semanas solicitou a colaboración da Xunta de Galicia para a realización dalgunhas reparacións necesarias, pero non recibiu resposta, de modo que decidiu actuar igualmente e cambiou os paneis informativos orixinais por uns novos de impresión directa en aluminio, que soporta moi ben as condicións meteorolóxicas.
Coa autorización do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, instaláronos ao pé das estacións do Outeiro de A Forcadela, o Coto das Sombriñas, a Laxe das Cruces, o couto da Siribela e o Nabal de Martiño.
Ademais, nos útimos días o Concello tamén limpou os sendeiros que comunican os diferentes puntos da área arqueolóxica e fixéronse reparacións no centro de interpretación. Ademais, está a tramitarse unha petición de subvención diante da deputación provincial para deixar en perfectas condicións todo o valado, que está moi deteriorado.
O Pleno de Ponte Caldelas aprobou recentemente unha petición expresa de axuda á Xunta de Galicia, xusto despois de que a Consellería de Cultura anunciase un investimento de 185.000 euros no parque arqueolóxico de Campo Lameiro para actuacións moi semellantes ás que é preciso acometer na Área de Tourón, espazos arqueolóxicos ambos declarados como Ben de Interese Cultural (BIC).