Nova protesta veciñal en Monte Porreiro para demandar diálogo e investimentos ao goberno local

Pontevedra
03 de outubro 2021

Esta nova concentración convocada pola asociación O Mirador, presidida por Carlos Diéguez, insiste en que a postura da veciñanza é contraria á peonalización da rúa Alemaña pero non aos investimentos previstos para a urbanización. Demandan unha xuntanza co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e co concelleiro de Obras, Demetrio Gómez

Protesta veciñal en Monte Porreiro reclamando melloras / Mónica Patxot

Cunha pancarta co lema 'Monte Porreiro no se peatonaliza. Demetrio dialoga o dimite', un número importante de veciños concentrábanse durante a tarde deste sábado na rúa Alemaña do barrio pontevedrés.

É unha nova protesta dentro da campaña de mobilizacións organizada pola Asociación O Mirador, que preside Carlos Diéguez. O representante do colectivo explica que a veciñanza se opón unicamente á peonalización desa rúa, como pretendía o goberno local que dirixe Miguel Anxo Fernández Lores, pero demandan que se fagan os investimentos previstos.

Ademais, Diéguez mostra o seu malestar porque o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, botou a culpa ao presidente da asociación veciñal de que se bloquee o plan previsto para o barrio. Por este motivo, presentaba esta semana un escrito reclamando unha reunión co alcalde da cidade e co propio concelleiro para coñecer os proxectos que ten previsto poñer en marcha o goberno local en Monte Porreiro.

A veciñanza considera que existen importantes carencias con este punto do municipio e lembran a necesidade de que se ofreza información sobre as novas liñas de transporte urbano; alertan sobre a falta de pediatra para esta zona e piden transparencia e diálogo desde a administración local.