O Concello de Marín acaba de facer pública unha nova actuación para a mellora no abastecemento de auga do municipio. Tras anunciar esta mesma semana o proxecto de mellora integral do colector do Río Lameira, esta fin de semana deu a coñecer a rehabilitación integral do depósito de auga da Costa.
O orzamento global dos traballos ascende a 198.440 euros e a Xunta de Goberno Local aprobou recentemente que a inversión formará parte das actuacións que se levarán a cabo ao abeiro do Plan Concellos 2021, polo que se solicitou formalmente a subvención á Deputación de Pontevedra.
O Goberno local destaca que esta actuación suporá unha mellora no abastecemento de auga. O depósito de auga da Costa forma parte do sistema de abastecemento de auga potable a Marín. Actualmente, a pesar de atoparse en servizo, presenta un "avanzado estado de deterioro", tal e como explican fontes municipais. Por iso, e coas previsións de melloras sobre o sistema que se están a executar con Acuaes, o Goberno local considera prioritario renovar de xeito integral estas instalacións.
Na inspección realizada, detectáronse no depósito signos dese deterioro polo uso e o paso do tempo, así como algunhas fisuras na estrutura. Con esta actuación, por tanto, o que se pretende é acondicionar o depósito, incluíndo a cámara de chaves, "de tal forma que se poida garantir a mellora no funcionamento e a calidade do servizo do abastecemento de auga potable".
O prazo de execución das obras será de cinco meses, un período de garantía de 12 a partir da firma da acta de recepción.